08 feb 2026

O proxecto europeo Visit Minho Plus entra nunha nova fase coa impartición de accións formativas

A Aula CeMIT de Tui acollerá a primeira das accións formativas do proxecto Visit Minho Plus. A iniciativa está centrada na mellora da competitividade de axentes e empresas turísticas do río Miño transfronteirizo, polo que se abre á participación de negocios tanto de España como de Portugal.

Para isto, lánzanse agora un programa formativo, baixo a clave de cursos de formación para a innovación e o turismo sostible. Trátase de seis actividades de formación  en materias clave para o desenvolvemento turístico, entre elas o deseño de experiencias turísticas innovadoras, o marketing dixital, a internacionalización de produtos turísticos locais ou a sustentabilidade.

En total, están previstas 105 horas de formación estruturadas neses seis cursos e distribuídas en sesións de cinco horas cada unha. O modelo combina asistencia presencial -a desenvolver en Tui e Salvaterra- e online, con acceso a unha plataforma dixital, no que estarán todos os materiais e recursos docentes. Empregarase unha metodoloxía activa e participativa e realizarase un acompañamento personalizado, mediante titorías e visitas técnicas.

Estes cursos completan a serie de workshops realizados dentro da mesma iniciativa europea, cos obxectivos de promover distintos produtos -como Río Miño Navegable ou Fortalezas-, reforzar as relacións comerciais entre as comunidades transfronteirizas e promover a divulgación e comercialización de produtos autóctonos.

Cooperación transfronteiriza

O proxecto Visit Minho Plus está cofinanciado nun 75% por fondos europeos, a través do programa Interreg VI-A España–Portugal (POCTEP) 2021-2027. Este programa ten en marcha outros proxectos, como a Aceleradora Transfronteiriza de Proxectos Turísticos Innovadores de alto impacto, sostibles e de calidade Turislab; o Clúster Transfronteirizo de Turismo na Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal CLUSTERTUR_GNP; e GERÊS_XURÉS_MAIS_SUSTENTÁVEL, que pon o foco no reforzo da sostibilidade da actividade turística na Reserva da Biosfera Transfronteiriza. Estas iniciativas teñen un custo total de 4,86M€, dos que Turismo de Galicia asume 1,39M€.

Estas iniciativas poñen de relevo a forte relación entre España e Portugal en termos de turismo. O mercado luso foi en 2025 o principal emisor de turistas a nivel internacional, segundo os datos de aloxamento hoteleiro do INE, con 309.733 viaxantes procedentes deste país. En total, en 2025 7,3M de persoas aloxáronse en establecementos hoteleiros, un 2,3% máis que en 2024.

Hai que destacar, ademais, os datos do Camiño de Santiago, con dúas rutas que transitan por esta rexión transfronteiriza. Das 530.987 Compostelas recollidas en 2025 -un 6% máis que en 2024-, 100.835 foron para persoas que realizaron o Camiño Portugués, mentres que 89.509 fixeron o Camiño Portugués da Costa -o segundo e terceiro máis transitados, só por detrás do Camiño Francés-. Precisamente este é o itinerario que máis creceu no pasado ano, experimentando un incremento do 19,74%.

Arriba