10 feb 2026

A Xunta defende as súas competencias en materia de turismo e esixe maior implicación do Ministerio na coordinación coas comunidades autónomas

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou no Pleno da Conferencia Sectorial de Turismo en Madrid, onde esixiu ao Ministerio de Industria e Turismo “máis implicación” nos principais asuntos de actualidade en materia turística, especialmente no que atinxe á interferencia de competencias e á súa falta total de liderado en cuestións coma a regulación de vivendas de uso turístico (VUTs), á conectividade e dixitalización, entre outros.

O director de Turismo de Galicia recordou as competencias exclusivas das comunidades autónomas en turismo e lamentou a ruptura da colaboración por parte do Goberno central evidenciada pola ausencia de convocatoria da Conferencia Sectorial de Turismo, que non se reunía desde o ano 2023 “e que trouxo consigo que as comunidades autónomas estean fóra de decisións importantes para o turismo”.

Xosé Merelles esixiu unha “maior implicación” do Ministerio de Industria e Turismo e o seu ministro nos temas que lle competen, nomeadamente no Rexistro de Vivendas de Uso Turístico posto en marcha polo Goberno Central en xullo de 2025 no que a Unión Europea ve duplicidade ao teren as competencias exclusivas nesta materia as comunidades autónomas. Neste sentido, subliñou que a Unión Europea manifestouse sobre a ilegalidade do rexistro único creado polo Goberno, confirmando que se trata dunha normativa mal deseñada, que invade competencias e xera inseguridade xurídica.

Salientou ademais a “confusión” que está a xerar “intencionadamente o Goberno Central”, xa que, como explicou, a baixada deste tipo de vivendas á que se refire o Ministerio de Vivenda en distintas manifestacións públicas so inclúe anuncios nas plataformas dixitais de comercialización e os datos parten dunha enquisa experimental.

Referiuse en concreto á estatística feita pública onte polo INE que apuntaba que entre maio e novembro do pasado ano, 4.860 Vuts da comunidade galega desapareceron das principais plataformas online de aloxamento turístico en Galicia, o que supuxo unha baixa do 24%. “Esta é unha estatística experimental do INE á que se agarra o Goberno central, pero non significa unha baixada real das VUTS senón que hai unha porcentaxe menor de vivendas que se anuncian en plataformas de acordo co rexistro estatal que impide anunciarse se non se cumpren uns requisitos”. “O Rexistro de establecementos turísticos, e por tanto das vivendas de uso turístico en Galicia é competencia da Xunta”, expresou Xosé Mereles e, neste sentido, cabe lembrar que o ano pasado o Plan de Inspección da Axencia Turismo de Galicia estivo enfocado este tipo de aloxamentos, con máis de 4.000 actuacións e máis de 2.800 VUTS dadas de baixa.

O director de Turismo de Galicia coincidiu co resto de comunidades autónomas que se amosaron decepcionadas ante a falta total de avances, así como da intención do Goberno de España para corrixir as súas políticas turísticas. “Esta actitude de peche por parte do Ministerio de Turismo está xerar un crecente malestar institucional e sectorial”, afirmou Xosé Merelles.

Neste sentido, lembrou que o turismo é unha competencia autonómica e unha actividade estratéxica para a economía e o emprego en cada territorio, e reclamou respecto institucional, diálogo efectivo e un cambio real nunhas políticas que, tras esta conferencia sectorial, o Goberno demostrou non estar disposto a corrixir.

Así, o director de Turismo de Galicia instou ao Ministerio a establecer máis diálogo no ámbito das novas tecnoloxías e que a Secretaría de Estado para o Turismo, a través da Sociedade Mercantil Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas (Segittur), conte coas comunidades autónomas para os seus plans de extensión de redes de datos, a través da Plataforma Intelixente de Destino, xa que polo momento “só está a traballar cos concellos e as deputacións, obviando a que ten a maioría das competencias en materia turística, que son as comunidades autónomas”, indicou.

Tamén esixiu que no desenvolvemento da Estratexia 2030 a secretaría de Estado de Turismo conte coas Comunidade autónomas e implique as estratexias rexionais nos seus obxectivos. Do mesmo xeito, o director de Turismo instou a mellorar a conectividade e o transporte, e implicar ás comunidades autónomas nas políticas que vertebren o territorio para “mellorar a capacidade do turismo como fonte de riqueza fundamental en España”, indicou.

Finalmente, subliñou a decepción por esta convocatoria, “inducida fundamentalmente polas présas do Goberno Central para pechar os plans Next Generation en materia de Turismo, a pesar da excelente xestión que se está a facer en Galicia dos fondos europeos, sen que ao Ministerio lle preocupen realmente as cuestións que de verdade lle preocupan á cidadanía e ao sector”, sentenciou o director de Turismo de Galicia.

Arriba