21 feb 2026

A Xunta leva a profesionalización do sector turístico a Europa coa presenza do Centro Superior de Hostalería na EMCUP 2026

O Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG) vén de completar a súa participación na EMCup 2026. Esta é unha competición de referencia para o sector turístico en Europa e, especificamente, para as escolas de dirección hoteleira, que acada en 2026 a súa 18 edición.  

No certame, que se desenvolveu recentemente en Ámsterdam (Países Baixos), participou un equipo do CSHG, conformado por catro estudantes. A convocatoria reuniu arredor de 30 escolas de distintos países, que nesta edición tiveron que traballar arredor das áreas de alimentos e bebidas nos hoteis, sobre as que realizaron distintos retos de xestión, innovación e comunicación profesional.

En concreto, a proposta implicaba repensar a restauración no ámbito hoteleiro, co obxectivo de dar resposta a un potencial hóspede que buscase experiencias auténticas e conectadas coa cultura local. Como engadido, debíase lograr combinar as perspectivas de orzamento e calidade.

Para isto, previo ao evento, contouse cunha fase de preparación previa, durante a que cada equipo tivo que desenvolver distintas documentacións, entre elas un whitepaper, relacionados coa temática. Estes materiais contáronse para a avaliación oficial.

Durante as dúas xornadas do propio evento, o equipo tivo que presentar e defender distintas propostas ante un xurado profesional. Realizáronse, entre outros, dinámicas de caso e pitches profesionais, onde se valoraron competencias como a estratexia, a creatividade, a viabilidade da proposta, o traballo en equipo ou a capacidade de comunicación.

Profesionalización do sector turismo

A participación na EMCup alíñase coa estratexia da Xunta de profesionalización do sector turismo, canalizada a través do CSHG. O Centro ten como unha das súas claves educativas a formación universitaria orientada á práctica e á internacionalización do seu alumnado. Desde a súa creación, hai 30 anos, formou xa a máis de 3.200 profesionais.

Arriba