02 mar 2026

Ábrese o prazo para o IX Premio de Investigación da Cátedra do Camiño, apoiada por Turismo de Galicia

A Cátedra do Camiño, froito dun convenio entre Turismo de Galicia, a Universidade de Santiago e a Catedral de Santiago, convoca o seu IX Premio de Investigación sobre o Camiño de Santiago e as Peregrinacións. A Xunta contribúe deste xeito a continuar incentivando a investigación ao redor do fenómeno xacobeo como unha liña estratéxica de difusión e promoción desta cultura mesmo nun ano de tanta importancia, preparatorio do Xacobeo 2027.

O premio quere recoñecer aqueles traballos publicados en formato libro con ISBN -tanto de autoría individual como colectiva- ou teses doutorais inéditas defendidas durante o ano 2025 baixo a temática xacobea. Poderá optar o persoal investigador de nacionalidade española ou estranxeira.

O galardón consiste nun único premio en metálico dotado con 3.000 euros, que poderá outorgarse, de ser o caso, a máis dun traballo. Neste caso, o importe do premio repartirase en partes iguais para cada unha das obras recoñecidas. O xurado estará composto polo director da Cátedra e os dous codirectores. De estimarse oportuno, designaranse ata dous asesores, en función da lingua na que se presenten os textos.

Aquelas  persoas  interesadas en optar ao premio poderán  presentar  a  súa  solicitude  ata o 11 de maio a través da sede electrónica da USC.

Cátedra do Camiño

A Cátedra institucional do Camiño de Santiago e as peregrinacións é o resultado dun convenio de colaboración entre Turismo de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela e a Catedral de Santiago. A Cátedra creouse en 2016 e, desde entón, foise renovando a través de sucesivos acordos.

O convenio actual esténdese de 2025 a 2027 e contempla unha achega para o seu desenvolvemento por parte de Turismo de Galicia de 120.000€, a través do que se financian as actividades da Cátedra.

Con esta iniciativa, a Xunta quere contribuír á formación de especialistas e profesionais no Camiño de Santiago, un recurso esencial no desenvolvemento económico e social de Galicia. Deste xeito promóvese a docencia, investigación, desenvolvemento e a innovación arredor do Camiño de Santiago e do fenómeno das peregrinacións.

Arriba