13 mar 2026

A Xunta abre o prazo para solicitar as axudas para a mellora de infraestruturas de establecementos turísticos

O venres 13 de marzo abriuse o prazo da convocatoria de 2026 de axudas de actuacións de mellora de infraestruturas dos establecementos de aloxamento e de restauración. As persoas interesadas poderán presentar os seus proxectos a través de sede electrónica ata o día 13 de abril, incluído.

Esta convocatoria está dotada con un total de 4,5M€. Destes, 3,5M€ destínanse a proxectos relacionados co aloxamento e 1M€ aos de restauración. As persoas solicitantes poderán pedir financiación ata un 60% do orzamento total da actuación prevista, cun importe máximo de 60.000€.

Entre as actuacións subvencionables están as obras destinadas a obter certificacións de calidade -en especial o Q de Calidade Turística-, así como as que busquen adaptar o establecemento ás modificacións normativas e á mellora da clasificación para garantir un incremento de categoría. Tamén se financiarán actuacións de renovación e modernización e embelecemento da contorna, e aquelas inversións en equipamentos mobles necesarios para o funcionamento.

Así, poderanse solicitar axudas para melloras para a accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas; reformas na climatización e nos sistemas de extracción e renovación do aire que favorezan a sostibilidade e o aforro enerxético; na dixitalización dos sistemas de xestión e comercialización; e aos sistemas de seguridade e saúde na prestación de servizos.

Anos anteriores

Esta resolución dá continuidade a outras axudas anteriores, pensadas para favorecer a mellora en establecementos turísticos e, así, axudar a consolidar unha oferta de calidade. O orzamento de 4,5M€ iguala o importe destinado a esta convocatoria no ano 2025, cando se concederon 144 axudas a proxectos de aloxamento 68 aos de restauración. En total, desde 2022, destináronse 18M€ a estas subvencións -incluíndo tamén a de 2026-.

Arriba