18 mar 2026

Xosé Merelles destaca o Encontro Mundial do Humorismo como dinamizador do turismo cultural que representa o 8% de toda o oferta do destino

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou na rolda de prensa de presentación do Encontro Mundial de Humorismo (EMHU), que baixo a dirección artística de Luis Piedrahita, converterá a cidade herculina na capital do humor entre o 23 de abril e o 3 de maio. O director de Turismo de Galicia destacou na súa intervención o carácter xa consolidado deste evento, que chega á súa sexta edición en 2026 e, a un mes da súa celebración, ten xa 12.000 das 18.000 entradas que saen xa vendidas.

Segundo salientou na súa intervención, “o turismo cultural supón un importante aporte no panorama turístico en Galicia”. A falta de pechar os datos do último trimestre do 2025, segundo a Enquisa de Turismo de Residentes, nos últimos dous anos esta modalidade supuxo o 8% do total, fronte a outros atractivos. “As persoas que viaxan con este motivo como principal fan un gasto medio diario de 107,4€, cifra que supera a media en turismo nacional, e realizan estancias de 5,1 días”, apuntou.

O Encontro Mundial do Humorismo na súa edición de 2025 concentrou máis de 20.000 asistentes. Precisamente, a estes datos remitiuse o director de Turismo de Galicia afirmando que “a estratexia da Xunta de Galicia pasa por impulsar eventos culturais deste tipo, cun elevado valor para a promoción do destino e como elemento dinamizador do territorio, que contribúen a crear un calendario de eventos singulares e a atraer públicos internacionais”, afondou.

 “As cidades galegas contan cunha ampla gama de recursos, como unha maior oferta de aloxamentos e restauración, medios de transporte de alta densidade e grandes equipamentos culturais, o que facilita o desenvolvemento dunha ampla variedade de experiencias turísticas”, engadiu. Ademais, eventos deste tipo permiten avanzar nas liñas mestras de desestacionalización e internacionalización da oferta, garantindo un fluxo continuado de visitantes ao longo do ano cun nivel de gasto medio elevado.

Turismo na Coruña

Xosé Merelles amosouse convencido de que esta proposta contribuirá a sumar interese polo destino urbano da Coruña, algo que xa se ten constatado nos últimos datos turísticos referirdos a esta capital. Durante o mes de xaneiro, a cidade da Coruña rexistrou 34.311 viaxeiros, un 16,2% máis que no mesmo mes de 2025. Realizáronse un total de 69.791 pernoctacións, o que marca un 25,5% máis que o pasado ano. En total, en xaneiro de 2026, máis de 170.000 persoas visitaron Galicia, realizando máis de 314.000 noites na comunidade.

Arriba