A alumna Inés Reboreda do Centro Superior de Hostalería de Galicia gaña o terceiro premio do certame suízo ‘Young Hospitality Summit’
A alumna do Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG), Inés Reboreda, resultou gañadora do terceiro premio no Young Hospitality Summit ou YHS, un dos principais encontros internacionais do sector que tivo lugar estes días en Lausana. O CSHG levou a esta edición a dous estudantes do 4º curso do Grado de Xestión de Empresas Hostaleiras, co obxectivo de traballar nun proxecto realista nunha contorna de aprendizaxe con recursos e profesionais do sector.
O YHS 2026, organizado en Lausana pola EHL Hospitality Business School, está impulsado polo propio estudantado da escola no ámbito da hospitalidade. A edición deste ano organizouse baixo o lema “Savoir-Faire&Faire Savoir”, co que se pon o foco na transmisión interxeracional do coñecemento e do oficio no propio sector.
Entre o 16 e o 18 de marzo, reuníronse na cidade suíza profesionais, persoal directivo e estudantes para reflexionar sobre o presente e o futuro da industria hostaleira e de servizos. Para isto, realizaráronse relatorios, obradoiros e networking, entre outras actividades, de tal modo que se conectou a líderes do sector coa nova xeración de talento.
A delegación do CSHG, da que formaron parte os estudantes Inés Reboreda e Kamal Amigo, e que estivo encabezada polo director do CSHG, José Paz, e o subdirector do centro, Luis Rial, mantivo ademais distintos encontros con responsables de Recursos Humanos de varias cadeas hoteleiras, co obxectivo de incrementar a oferta de prácticas do Centro.
Profesionalización do sector turismo
A participación neste evento, como noutros anteriores, enmárcase dentro da estratexia da Xunta de profesionalización do sector turismo. Para isto creouse hai xa 30 anos o CSHG, que ofrece a formación universitaria orientada á práctica e á internacionalización do seu alumnado.
Ademais, desde Turismo de Galicia estase a traballar no programa de formación en competencias dixitais para persoas traballadoras ou en activo do sector turismo, dotado con 2,5M€. Este programa espera mellorar as competencias dixitais básicas e avanzadas de case 800 profesionais.