A cidade de Vigo prepárase para a segunda edición do Galicia Fest que co apoio da Xunta promete mellorar a afluencia de 2025
“A cidade de Vigo converterase de novo nun dos epicentros musicais do verán coa celebración da segunda edición do Galicia Fest, que terá lugar os días 26 e 27 de xuño no Peirao de Transatlánticos”. Así o puxo de manifesto o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, no decurso do acto de presentación da cita musical no que tamén participou a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz.
Durante a presentación da cita, tanto o director de Turismo de Galicia coma a delegada territorial coincidiron en sinalar “os acertos deste festival apostando pola música indie-pop de enorme actualidade, nun formato medio pero suficientemente atractivo, e nunha contorna urbana”. “Son características que unidas ao éxito da primeira edición nos fan pensar nunha maior asistencia este 2026”, destacou Xosé Merelles.
O director de Turismo de Galicia referiuse á ampla e diversa oferta desta segunda edición destacando o éxito e a repercusión das bandas e artistas que o integran. Así, encabezada este plantel o fenómeno internacional La Reina del Flow, ao que se suman artistas como Maryland, Miriam Rodríguez, Pablo Lesuit, Sabela, Álvaro de Luna, Juan Magán, Taburete, Carla Lourdes, Fredi Leis e Marlena. Ademais, Xosé Merelles valorou especialmente que se sumaran as novas incorporacións de Lori Meyers, Coti e Vera Fauna, “que completan así unha oferta musical atractiva e plural”.
Tras o éxito da súa primeira edición en 2025, que reuniu a máis de 13.000 persoas, o Galicia Fest regresa adiantando as súas datas a comezos do verán, e reforzando a capacidade para atraer público e dinamizar a actividade turística en Vigo. Ademais, segundo subliñou o director de Turismo de Galicia, “actúa como motor socioeconómico para a cidade, xerando impacto económico e promovendo a riqueza, ao tempo que atrae visitantes de diferentes puntos de España interesados nunha proposta musical urbana, actual e de calidade”.