Rueda avanza que o Camiño do Litoral estará listo no verán para sumar un novo atractivo turístico a Galicia
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou que o Camiño do Litoral, que unirá a costa galega desde Ribadeo ata Tui, estará listo a partir deste verán, co que se sumará un novo atractivo turístico á comunidade autónoma. “Poder percorrer a pé ou en bicicleta toda a costa galega, na comunidade con máis quilómetros de costa de España, é unha marabilla e un bo exemplo da Galicia Calidade”, salientou.
Así o precisou, logo de percorrer unha parte do trazado xunto coas entidades que colaboraron no seu deseño e definición: a Fundación Galicia Sustentable, Sherpa Project e Marexada. No acto estivo acompañado pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles.
O Camiño terá unha lonxitude duns 1.300 quilómetros e poderase percorrer a pé ou en bicicleta pasando por un total de 79 concellos. Neste sentido, o Goberno galego xa está a realizar os trámites para dotalo dunha sinalización sostible e integrada na paisaxe, que estará finalizada durante o verán.
A maiores, a Xunta tamén acometerá traballos de mellora do trazado nalgúns puntos que o necesiten e porá en marcha unha aplicación móbil na que se ofrecerá información de interese sobre as distintas etapas ou sobre o patrimonio cultural próximo.
Esta iniciativa é un exemplo da boa xestión galega do litoral, logo de que en 2023 se aprobase a lei galega de ordenación da costa, a Loxilga, e de que o pasado 1 de xullo se materializase a asunción plena das competencias de xestión do dominio público marítimo-terrestre.
Ademais deste Camiño do Litoral, a Xunta está a levar a cabo outras medidas nesta materia como a homoxeneización dos trámites e prazos en todas as provincias dos permisos para as instalacións e servizos na costa; ou como as axudas para renovar ou construír chiringuitos sostibles e eficientes, para os que tamén se realizou un concurso de deseño duns prototipos que os empresarios do sector poden tomar como referencia.
Na súa intervención, Rueda incidiu en que este Camiño atraerá visitantes, o que permitirá dinamizar a economía local dos concellos que atravesa, así como diversificar a oferta turística da comunidade autónoma. “Queremos que a xente nos visite, que os que veñan o pasen ben, repitan e coñezan toda Galicia”, indicou o presidente, quen salientou que esta nova senda tamén servirá para que os galegos “coñezan a súa propia terra”.
Nesta liña, indicou que o Camiño “levantou moita expectación, a expectación que levanta Galicia”.