04 abr 2026

A Xunta difunde o destino Galicia nos mercados europeo, americano e chinés a través de 10 accións de promoción

Turismo de Galicia organiza durante o mes de abril distintas iniciativas destinadas a incrementar a promoción exterior da comunidade como destino único, sostible e de calidade. Para isto, desde a Xunta estanse a coordinar distintas iniciativas, coas que se quere incrementar a presenza da comunidade en eventos do sector, á vez que se trae ata o territorio a axentes internacionais para comprobar in situ as súas vantaxes.

En concreto, serán ao redor dunha decena de accións con participación en feiras e encontros do sector e a realización de fam trip por parte de axentes de viaxes, turoperadores, xornalistas e creadores de contidos. En todas estas citas, Turismo de Galicia dará a coñecer o Camiño de Santiago, xunto cos atractivos da oferta turística da comunidade en canto ás distintas posibilidades de gozar a natureza, entre elas o cicloturismo, a riqueza paisaxística, xunto co patrimonio cos pazos e xardíns de gran riqueza botánica e actividades complementarias.

A presenza en feiras do sector no mes de abril inaugúrase coa participación galega en VELOBerlin, que se celebra o 11 e 12 de abril no antigo aeroporto Tempelhof da capital xermana. Este festival de turismo constitúe a terceira cita na que a Xunta conta con representación no mercado alemán no primeiro cuadrimestre do ano, tras participar na F.RE.E. de Múnich e na ITB de Berlín.

VELOBerlin está centrada no ciclismo e orientada ao público final, precisamente nun mercado, o alemán, de alto valor e dos principais emisores do cicloturismo. A Xunta disporá dun espazo no stand de Turespaña, a través do que dar difusión ás rutas galegas integradas na rede EuroVelo. Ademais, daranse a coñecer as vías verdes, os Camiños de Santiago e outras rutas de cicloturismo que integran paisaxe, natureza, patrimonio, deporte e actividades complementarias.

Entre o 16 e o 19 de abril, Galicia estará no Hampton Court Palace Garden Festival, a cita de referencia sobre xardíns na que Galicia leva participado en seis edicións anteriores. En concreto, en 2024 e 2025 logrou o recoñecemento como mellor xardín por parte do público -ao que sumou a medalla de prata en 2024-, e en edicións anteriores tamén acadou distintos galardóns.

O evento serve para afianzar a proposta de Galicia en turismo de natureza e para subliñar os seus recursos paisaxísticos. En concreto, en 2026 non se celebrará a feira no seu espazo habitual, o Hampton Court Palace, onde retornará en 2027. Este ano realizarase unha nova exposición na finca Badminton, en Gloucestershire, entre o 8 e o 12 de xullo.

Noutro tipo de accións, o 18 de abril está prevista a participación no evento Cider World, centrado na sidra, que terá lugar en Frankfurt. Esta iniciativa desenvolverase en colaboración coa coa Oficina Española de Turismo -a OET- desa cidade.

Promoción en Francia, Chicago, Alemaña e China

Dentro das accións previstas pola Xunta de Galicia para promocionar o destino está a realización de viaxes para que distintos prescriptores -xornalistas, axentes de viaxes, influencers, etc- coñezan a comunidade. En abril hai previstas distintas destas iniciativas, centradas en mercados de Europa, América e Asia.

Así, entre elas, durante a primeira quincena do mes, organizarase xunto coa OET de París, o press trip para a rodaxe do programa Échappées Belles, da cadea de televisión gala France 5, en Galicia. Tamén no ámbito dos medios de comunicación, entre o 8 e o 14 de abril está prevista unha viaxe de prensa en colaboración coa OET de Chicago para catro xornalistas e do 20 ao 24 un grupo de creadores de contido mexicanos visitarán a comunidade para coñecer os recursos turísticos así como a experiencia do Camiño de Santiago.

Xa no territorio profesional de operadores turísticos, entre o 16 e o 20 de abril recibirase a viaxe de familiarización organizada en colaboración coa OET de Zurich de oito axentes de viaxe. Ademais, entre o 24 e o 27 deste mes recibirase tamén a axentes de viaxe chineses, nunha acción levada a cabo xunto á OET de Cantón.

Arriba