09 abr 2026

A Xunta inicia unha rolda de xuntanzas con diversas entidades para presentar a postura autonómica na captación de novas rutas aéreas

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, xunto coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, reuniuse con representantes do sector empresarial e turístico de Santiago de Compostela para explicar a colaboración da Xunta destinada á captación de novas rutas aéreas mediante a promoción en orixe. O Goberno galego inicia así unha rolda de xuntanzas que se estenderá tamén a estes sectores nas cidades da Coruña e de Vigo, así como ás deputacións provinciais, ás que tamén se lle solicitará colaboración.

Coa iniciativa, a Xunta quere facilitarlles a estas entidades información de primeira man sobre a postura do Goberno galego, en aras á colaboración institucional na captación de novas rutas, malia non ter competencias sobre os aeroportos. Nesta liña, a Xunta tamén solicitou unha nova reunión do Comité de Coordinación Aeroportuaria para seguir avanzando e que o resto de administracións realicen as súas aportacións. Apela ademais a deixar as confrontacións estériles e centrarse en traballar co obxectivo de mellorar as opcións para Galicia, poñendo sobre a mesa as medidas que cada administración vai a poñer en marcha neste sentido.

Segundo explicou Diego Calvo, a Xunta colaborará co modelo proposto por AENA para captar novas rutas. Un modelo no que ao plan de negocio de AENA, se suma un apoio institucional, na procura dunha  mellor coordinación na que se impliquen todas as administracións -tamén concellos e deputacións provinciais-, na promoción turística. Deste xeito cada administración deberá realizar as súas achegas para esas novas rutas concretas, acadando así unha proposta coordinada e conxunta que ata o de agora non existía.

Nese marco, destinaranse 100.000 euros a cada nova ruta que se estableza, cun máximo de dúas por aeroporto e por ano, e o apoio da Xunta sumarase ás contías que mobilicen os concellos e as deputacións provinciais, ademais da proposta da propia AENA. Con esta medida preténdese que, unha vez que se consiga unha nova ruta, esta sexa rendible a longo prazo, na liña que a Xunta xa vén traballando desde hai anos na promoción en orixe, cun investimento anual de 13 millóns de euros.

A Xunta poderá realizar esta promoción directamente e tamén abrirá a posibilidade de asinar convenios cos concellos, se así o desexan, para que sexan estes os que leven a cabo esas actuacións, sempre e cando se destinen a promoción en orixe.

O conselleiro reiterou que o Goberno galego non vai financiar voos, senón que colaborará sumándose ao modelo proposto por AENA para a captación de novas rutas mediante promoción turística en orixe.

Arriba