12 abr 2026

A Xunta reafirma o seu compromiso co sector vitivinícola galego na XLIV Exaltación do Viño da Ulla

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, puxo en valor os viños da Ulla dentro da Denominación de Orixe (DO) Rías Baixas e reafirmou o compromiso da Xunta con este eido, que se materializa a través de diversas vías, entre elas un investimento anual de arredor de 12 millóns de euros. Estes fondos, subliñou, destínanse a iniciativas para modernizar viñedos e facelos máis sustentables, para a elaboración e a comercialización, así como para a promoción deste eido, entre outros obxectivos.

A conselleira interveu no marco da XLIV Festa de Exaltación do Viño da Ulla, que se celebra en Vedra e á que tamén asistiu o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ambos estiveron acompañados polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles -pregoeiro nesta edición-; e pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez.

Neste contexto, a titular de Medio Rural salientou que o viño da Ulla ten “un estilo propio” dentro da DO Rías Baixas, e destacou o seu “corpo e equilibrio”, así como os seus “sabores de froita madura”. Puxo de relevo, asemade, o feito de que dende o ano 2000 se conseguise a integración desta subzona dentro de Rías Baixas, cuestión que lle confire altos estándares de calidade.

A conselleira definiu ademais a viticultura galega como “paisaxe, economía, traballo e futuro” e cualificou aos axentes deste sector como “os mellores representantes desa Galicia Calidade da que nos sentimos tan orgullosos”.

Nesta mesma liña o responsable de Cultura referiuse á “compoñente cultural que leva engadida este sector tan arraigado na Comunidade” e, concretamente, á celebración deste tipo de festas “como símbolo da nosa identidade colectiva”.

Atractivos turísticos de Vedra

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, foi o encargado de ler o pregón desta edición da Festa da Exaltación do Viño da Ulla. Durante a súa intervención, referiuse ao enoturismo como unha oportunidade para “poñer en valor a paisaxe, o patrimonio e as persoas”, aludindo ás características que complementan o viño da ribeira do Ulla como atractivo turístico. Neste sentido, subliñou  que propostas como as de Vedra exemplifican á perfección esta visión, onde “cada visitante que percorre os viñedos, degusta un albariño da ribeira do Ulla ou camiña polos xardíns históricos” está a contribuír activamente ao desenvolvemento do territorio. Trátase dun modelo sostible que conecta coas novas demandas do viaxeiro, combinando experiencia, autenticidade e identidade.

Do mesmo xeito, “a Festa de Exaltación do Viño da Ulla non é só unha celebración de produto; é unha celebración de persoas, de esforzo, de historia e de futuro”, converténdose nun exemplo claro do valor das festas de exaltación dentro da estratexia turística galega. En conxunto, salientou que eventos deste tipo consolidan Galicia como un destino singular, onde tradición e innovación se dan a man para ofrecer experiencias memorables arredor dos seus produtos máis representativos.

Arriba