A Xunta agarda que as deputacións provinciais se impliquen tamén na proposta coordinada por Aena para captar novas rutas aéreas
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, reuniuse con representantes das deputacións provinciais da Coruña, Ourense e Pontevedra para abordar a postura do Goberno galego na captación de rutas aéreas para Galicia. Na xuntanza, o conselleiro trasladou que agarda que os organismos provinciais se impliquen neste obxectivo.
O encontro enmárcase na rolda de contactos que está a realizar a Xunta para facilitar información de primeira man sobre a postura autonómica na captación de rutas aéreas, colaborando co modelo proposto por AENA. Nesta liña, o Goberno galego, a través da promoción en orixe, destinará 100.000 euros a cada nova ruta que se estableza, cun máximo de dúas por aeroporto e ano.
Apóstase así por sumar o apoio institucional ao plan de negocio de AENA, na procura dunha mellor coordinación na que se impliquen todas as administracións. Deste xeito cada administración deberá realizar as súas achegas para esas novas rutas concretas, acadando así unha proposta coordinada e conxunta que ata o de agora non existía.
Neste marco de colaboración, a achega prevista polo Goberno galego sumarase ás contías que mobilicen os concellos e as deputacións provinciais, ademais da proposta da propia AENA. Con esta medida preténdese que, unha vez que se consiga unha nova ruta, esta sexa rendible a longo prazo, na liña que a Xunta xa vén traballando desde hai anos na promoción en orixe, cun investimento anual de 13 millóns de euros.
A Xunta poderá realizar esta promoción directamente e tamén abrirá a posibilidade de asinar convenios cos concellos, se así o desexan, para que sexan estes os que leven a cabo esas actuacións, sempre e cando se destinen a promoción en orixe. Nesta liña, o conselleiro reiterou que o Goberno galego non vai financiar voos, senón que colaborará sumándose ao modelo proposto por AENA para a captación de novas rutas mediante promoción turística en orixe.
A rolda de encontros continúa con xuntanzas con representantes dos sectores empresarial e turístico de Vigo e da Coruña, ao igual que xa se fixo cos de Santiago de Compostela. Ademais, Diego Calvo lembrou que xa se solicitou unha nova reunión do Grupo de Traballo de Conectividade Aérea de Galicia para seguir avanzando e que o resto de administracións realicen as súas aportacións. Apela ademais a deixar as confrontacións estériles e centrarse en traballar co obxectivo de mellorar as opcións para Galicia, poñendo sobre a mesa as medidas que cada administración vai a poñer en marcha neste sentido.