A Xunta culmina co sector empresarial e turístico da Coruña a rolda de contactos para explicar a súa postura respecto da captación de novas rutas aéreas
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, xunto co director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, reuniuse con representantes dos sectores empresarial e turístico da provincia da Coruña para explicar a postura da Xunta respecto da captación de novas rutas aéreas mediante a promoción en orixe, no marco da proposta de Aena. Diego Calvo destacou o bo clima no que se celebraron os distintos encontros, ao tempo que agradeceu a boa acollida e participación dos representantes do sector turístico e empresarial en cada un deles, ao igual que das deputacións provinciais asistentes.
O Goberno galego culmina así a rolda de xuntanzas cos responsables destes sectores en Santiago de Compostela e que continuou cos de Vigo e da provincia de Pontevedra, así como coas deputacións provinciais. Nestas reunións, Diego Calvo manifestou que agarda que todas as institucións se impliquen, de maneira que cada administración realice as súas achegas para acadar unha proposta coordinada e conxunta que ata o de agora non existía.
Tal e como explicou o conselleiro, a Xunta non vai financiar voos, senón que colaborará sumándose ao modelo proposto por AENA, para a captación de novas rutas mediante promoción turística en orixe. Nesta liña, Diego Calvo insistiu en que o Goberno galego sumará un apoio de 100.000 euros por cada nova ruta que se estableza, cun máximo de dúas por aeroporto e ano. A Administración autonómica continúa así na liña na que xa vén traballando desde hai anos na promoción en orixe, cun investimento anual de 13 millóns de euros.
Cómpre aclarar que a Administración autonómica poderá realizar esta promoción directamente e tamén abrirá a posibilidade de asinar convenios cos concellos, se así o desexan, para que sexan estes os que leven a cabo esas actuacións de promoción.
Este apoio do Goberno galego sumarase ás contías que mobilicen os concellos e as deputacións provinciais, ademais da proposta da propia AENA. Con esta medida preténdese que, unha vez que se consiga unha nova ruta, esta sexa rendible a longo prazo.
Ademais, o conselleiro lembrou que xa se solicitou unha nova reunión do Grupo de Traballo de Conectividade Aérea de Galicia para seguir avanzando e que o resto de administracións realicen as súas aportacións. Diego Calvo apelou novamente a deixar as confrontacións e a traballar nunha mesma dirección, poñendo sobre a mesa as medidas que cada administración vai a poñer en marcha neste sentido para lograr atraer novas rutas rendibles aos aeroportos galegos.