17 abr 2026

A Xunta reforza o atractivo turistico da cidade de Vigo apostando pola regata Soltaire du Figaro Paprec

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, presentou a Regata Solitaire du Figaro Paprec, que por segundo ano consecutivo recalará na cidade olívica do 21 ao 24 de maio. Durante a súa intervención, Xosé Merelles destacou que co apoio da Xunta a esta proba náutica “consolídase así a nosa aposta polos grandes eventos deportivos como motor de promoción turística e dinamización económica do territorio”.

“A cidade será de novo escala oficial da primeira etapa desta competición internacional, posicionando a Galicia como referente nos grandes eventos náuticos que nace dunha unha sólida tradición marítima e nun ecosistema competitivo ao máis alto nivel”, apuntou.

Segundo explicou o director de Turismo de Galicia, Vigo será a única escala en España desta edición da regata, “reforzando a súa proxección como sede de eventos náuticos internacionais” e como enclave estratéxico no arco atlántico europeo. Neste sentido, destacou que “a elección da cidade responde á súa capacidade organizativa, á calidade das súas infraestruturas portuarias e ao seu potente tecido marítimo-industrial”.

O director de Turismo subliñou que “o impacto do evento na cidade será significativo tanto a nivel económico como turístico”, referíndose a unha previsible elevada ocupación hoteleira e á activación do comercio e da hostalaría  local, así como a dinamización da contorna portuaria. De forma indirecta, a regata contribuirá á proxección internacional de Vigo e das Rías Baixas, xerando contido mediático en medios estranxeiros e reforzando a imaxe da cidade como destino de turismo deportivo.

Neste sentido, Xosé Merelles destacou que o turismo deportivo presenta un perfil de alto valor engadido. En 2025, este segmento xerou en Galicia arredor de 118.000 visitantes e preto de 270.000 noites, cun gasto medio diario de 116 euros por persoa, moi por riba da media nacional. Trátase ademais dun turismo con forte compoñente internacional, que contribúe á desestacionalización ao atraer visitantes fóra das tempadas altas.

Pola súa banda, a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, subliñou que “é unha honra para Galicia e Vigo recibir de novo esta proba, unha competición de referencia para a navegación en solitario”. Ortiz sinalou que felicitou aos organizadores e ao Porto por lograr que Vigo sexa protagonista como final da primeira etapa e epicentro da vela oceánica do 21 ao 24 de maio. “A Xunta apoia este proxecto para conseguir o ambicioso obxectivo de afianzar o liderado de Galicia como foco de atención mundial da vela”, remarcou.

A aposta por eventos como a Solitaire du Figaro Paprec encaixa na estratexia de reforzo da oferta turística da cidade impulsada pola Xunta de Galicia, orientada a diversificar produtos e atraer novos perfís de visitantes. Neste marco, o turismo náutico eríxese como un sector clave, apoiado por importantes investimentos en infraestruturas portuarias, que en 2024 superaron os 3 millóns de euros destinados á modernización, eficiencia enerxética e accesibilidade dos portos deportivos.

Con esta regata, Vigo non só reafirma o seu potencial no ámbito náutico, senón que tamén avanza na súa consolidación como destino turístico competitivo, sostible e aberto ao mundo, capaz de atraer visitantes a través de experiencias únicas vinculadas ao deporte e ao mar.

A Regata Solitaire du Figaro Paprec, fundada en 1970, é unha das competicións máis esixentes do calendario internacional. Trátase dunha regata en solitario por etapas, cun percorrido de entre 1.500 e 2.000 millas náuticas, na que os participantes navegan en igualdade técnica a bordo de monotipos Figaro Bénéteau 3. Considerada a ‘canteira da vela oceánica’, reúne regatistas profesionais e futuras figuras de probas de referencia mundial.

Durante a súa escala en Vigo, as actividades desenvolveranse na dársena de Portocultura, nun espazo aberto á cidadanía que contará cun amplo programa de propostas gastronómicas, musicais e divulgativas. O chamado “village” incluirá zonas expositivas de marcas náuticas, así como actividades lúdicas e educativas, entre elas experiencias inmersivas con realidade virtual para achegar o mundo mariño ao público.

Arriba