20 abr 2026

Baiona acollerá en outubro o Congreso Nacional de Cámpings que conta co apoio de Turismo de Galicia

Turismo de Galicia patrocina o Congreso Nacional de Cámpings de España, que se celebrará do 13 ao 15 de outubro en Baiona. Este encontro supón a principal cita do sector en España, e agárdase que reúna a máis de 300 profesionais do ámbito do cámping e o turismo ao aire libre.

O evento servirá para abordar os principais retos do cámping en España, poñendo o foco na dixitalización e na evolución do modelo turístico nos últimos anos. Así, a cita estrutúrase como espazo de encontro, no que compartir experiencias e analizar os desafíos e oportunidades destas modalidades de turismo no contexto actual.

As xornadas incluíran relatorios, mesas redondas e actividades de networking. Ademais, incluiranse actividades complementarias orientadas a enriquecer a experiencia das persoas asistentes e favorecer a convivencia entre profesionais do sector. Entre as accións previstas están a saída en barco e visita guiada ás Illas Cíes, co obxectivo de poñer en valor a contorna natural de Galicia como parte do programa do congreso.

Como lembrou o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, o patrimonio natural de Galicia constitúe un dos seus principais activos turísticos. Segundo datos da Enquisa de Turismo de Residentes de 2024, o turismo de natureza é o motivo para visitar Galicia dun 4,7% de visitantes nacionais.

Nesta mesma liña avanza a Estratexia de Turismo 2030, que establece como unha das súas medidas a valorización de actividades turísticas en contornas naturais, aproveitando a riqueza natural de Galicia en beneficio da creación de experiencias de turismo activo, deportivo ou ecoturismo.

Desde a Federación Española de Cámpings destacan a elección de Galicia como sede de esta edición precisamente polo valor estratéxico do territorio dentro do turismo de cámping, a súa vinculación coa contorna natural, o litoral e a diversidade de destinos que ofrece a comunidade, e valórase que se trata dun contexto especialmente representativo do tipo de turismo que impulsa o sector, baseado na experiencia ao aire libre e o contacto coa contorna.

Arriba