04 mai 2026

A Xunta enriquece a oferta turística urbana de Vigo con ‘Escenas de la vida conyugal’ de Ricardo Darín, un dos maiores éxitos de teatro contemporáneo

Turismo de Galicia reforza unha vez máis a súa aposta por consolidar Vigo como sede de grandes eventos de todo tipo, avanzando nunha estratexia de impulsar grandes eventos que enriquezan a oferta turística da cidade. Así o puxo de manifesto o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, na presentación da obra teatral ‘Escenas de la vida conyugal’, interpretada por Ricardo Darín e Andrea Pietra que chegará á cidade olívica a mediados do mes de xuño. “Trátase dunha proposta de primeiro nivel, un dos maiores éxitos do teatro contemporáneo en español”, afirmou.

O director de Turismo de Galicia destacou que “a programación de eventos culturais de gran formato contribúe a posicionar Vigo como un destino atractivo durante todo o ano e para públicos diversos”. Así mesmo, subliñou que “a presenza de figuras de proxección internacional como Ricardo Darín e Andrea Pietra eleva o perfil cultural da cidade e reforza a súa visibilidade en mercados nacionais e internacionais”.

Referíndose á aposta que fai a Xunta neste eido, Xosé Merelles salientou que a Xunta a investiu o pasado ano preto de 1,5 millóns de euros en eventos vinculados aos Concertos do Xacobeo celebrados en Vigo, “unha aposta que se reforza con iniciativas como esta, orientadas a xerar fluxo turístico fóra da tempada alta”.

`Escenas de la vida conyugal’ é unha adaptación teatral da obra do director sueco Ingmar Bergman, dirixida por Norma Aleandro e interpretada por Ricardo Darín e Andrea Pietra. A peza combina humor e drama para analizar, desde un enfoque psicolóxico profundo, a evolución dunha parella —Juan e Mariana— desde o matrimonio ata o divorcio.

Estreada en 2013 no Teatro Maipo de Bos Aires, a obra percorreu países como Arxentina, Chile, Uruguai, Perú e España, onde en 2026 acumula máis dunha década en circulación. A nivel global, superou as 700 funcións e o millón de espectadores, esgotando habitualmente entradas nas súas xiras e mesmo ampliando funcións en numerosas cidades.

A representación chegará a Vigo do 17 ao 21 de xuño, con un total de cinco funcións, nunha parada clave dentro do seu percorrido por Galicia. Será, ademais, a primeira vez que Ricardo Darín actúe na cidade. En 2026, a xira inclúe tamén A Coruña, Barcelona, Madrid e Bos Aires.

 “Seguimos traballando para atraer propostas que aporten valor engadido, diversifiquen a oferta e contribúan a consolidar Vigo como un destino urbano competitivo e dinámico durante todo o ano”, concluíu o director de Turismo de Galicia.

Arriba