Turismo de Galicia e o Concello de Santiago de Compostela acordan colaborar para desestacionalizar e regular os fluxos de visitantes
“Santiago de Compostela é a meta dunha das rutas de peregrinación de maior tradición de Europa e como tal é un punto de atracción turística de gran magnitude para Galicia”. Así o manifestou o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, trala reunión mantida coa concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica do Concello de Santiago de Compostela, Miriam Louzao, na que ambos coincidiron na importancia da actividade turística para o desenvolvemento económico da cidade e o benestar da súa veciñanza.
Neste sentido, acordaron traballar na desestacionalización, sobre todo naquelas medidas xa impulsadas pola Xunta de Galicia, e o intercambio de información recollida por ambas partes en distintos puntos da capital de Galicia para así dispoñer de máis datos á hora de deseñar as políticas turísticas que se adopten no futuro.
Neste sentido, Xosé Merelles salientou que Turismo de Galicia ten instalados dous sensores en lugares estratéxicos da cidade e que o Concello dispón tamén dunha rede propia; “todos eles proporcionan datos de interese tanto para a Xunta como para o goberno local” e acordaron compartilos entre as dúas partes.
“Toda esta información conxunta debúxanos un escenario no que preparar mellor o Xacobeo 2027”, destacou o director de Turismo de Galicia, introducindo outro dos temas abordados na xuntanza, e tamén no que habería que sumar ao Arcebispado de Santiago de Compostela para a ordenación dos fluxos no contorno da Catedral e casco histórico.
Xacobeo 2027
O director de Turismo de Galicia subliñou que a Xunta leva tempo traballando no deseño e planificación do vindeiro Ano Santo e puxo en valor o Plan director de Patrocinios do Xacobeo 2027 e tamén o programa ‘O Teu Xacobeo’. “Sen dúbida, moitas das accións incluídas nestes dous ámbitos terán Santiago de Compostela como un lugar no que realizar moitas das actividades que propoñen e é a nosa intención compartir tamén esta información co Concello para poder garantir o éxito das iniciativas pero tamén a satisfacción de quen participa nelas e se atopa cunha cidade receptiva e acolledora”.
O ámbito aeroportuario foi outro dos temas abordados polas dúas administracións turísticas. Xosé Merelles salientou o traballo realizado no grupo de trallo creado no marco do comité de coordinación aeroportuaria de Galicia, no que se traballa para recuperar e incrementar a conectividade da comunidade.
Promoción do destino
O director de Turismo de Galicia lembrou que a Xunta está a desenvolver o Plan de Promoción Turística 2026, dotado con 13 millóns de euros que este ano inclúe máis de 150 accións en arredor de 20 mercados, que ten como eixos principais o Xacobeo 2027.
Xosé Merelles e a concelleira de Turismo de Santiago de Compostela analizaron as distintas posibilidades que ofrece o turismo MICE para a capital de Galicia e apostaron por redundar esforzos na captación de máis congresos e citas de negocios nesta cidade. Neste eido, lembraron que este segmento ten unha especial relevancia nos anos previos ao Xacobeo, polo que coincidiron na necesidade de reforzar a posición de Santiago como destino para reunións, eventos profesionais e congresos internacionais, contribuíndo así á desestacionalización e á mellora dos datos turísticos da cidade.
Finalmente, o director de Turismo de Galicia lembrou a colaboración entre ambas partes no marco do Plan de Sostibilidade Turística de Destino, que inclúen distintas actuacións neste eido, e no que a Xunta inviste 1M€. Ademais, o Concello de Santiago conta cunha fonte de financiamento extra derivada da taxa turística que “debe repercutida en medidas de turismo sempre en consonancia co sector turístico”, afirmou.