10 mai 2026

Xosé Merelles pon en valor a Romaría do Bispo Santo de Foz como exemplo de identidade, patrimonio e atractivo turístico da Mariña lucense

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, foi o encargado de ler o pregón da Romería Bispo Santo de Foz, nun acto litúrxico que tivo lugar na Basílica romana de San Martiño de Mondoñedo e que supón o inicio dunha nova edición dunha das celebracións máis tradicionais e multitudinarias da Mariña lucense. Durante a súa intervención, Xosé Merelles destacou a capacidade da romaría para conservar viva unha tradición transmitida de xeración en xeración e profundamente vinculada á identidade da comarca.

Xosé Merelles puxo en valor o papel da Romaría do Bispo Santo como exemplo do turismo cultural e espiritual que promove Galicia, baseado na autenticidade, na conservación das tradicións e no patrimonio inmaterial.

Neste contexto, salientouse o atractivo crecente da Mariña Lucense como destino turístico e subliñou que no primeiro trimestre xa visitaron este destino máis de 20.000 persoas, un 6% máis que no mesmo período de 2025 e con especial incidencia no turismo internacional que medrou case o 15%.

A intervención incidiu ademais no carácter popular e comunitario da celebración, lembrando que durante séculos a romaría reuniu mariñeiros, labregos, peregrinos e familias enteiras arredor das procesións, das misas e das reunións festivas nos pinares de Mourente.

Finalmente, agradeceuse o compromiso dos veciños e veciñas de Foz e da comarca por manter viva unha celebración que continúa sendo símbolo de identidade, memoria colectiva e cohesión social.

Arriba