14 mai 2026

A Xunta e o Concello de Oroso asinan o convenio para acondicionar a contorna do Camiño Inglés no Paseo do Carboeiro, cun investimento total de máis de 1 M€

A Xunta e o Concello de Oroso asinan o convenio de colaboración para o acondicionamento da contorna do Camiño Inglés no Paseo do Carboeiro, que suporá un investimento total superior a 1 M€. A conselleira de Vivenda e Planficación de Infraestruturas, María Martínez Allegue; o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; e o alcalde de Oroso, Alexander Doval firmaron esta tarde este acordo.

A Xunta achegará o 80% do orzamento do custo das actuacións e o Concello asumirá o 20% restante. De xeito máis concreto, a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas financiará o 40% da execución das obras, que tamén contratará e executará; e a Axencia de Turismo de Galicia aportará outro 40% do custe.

Pola súa banda, o Concello de Oroso asumirá o 20% restante do financiamento e incorporará ao patrimonio público municipal as actuacións que se leven a cabo.

O obxectivo é mellorar esta zona de paso do Camiño Inglés, en Sigüeiro. Para isto, acometeranse a mellora do firme dos sendeiros, arranxaranse as pistas deportivas ou o parque infantil e renovaranse a iluminación e o mobiliario urbano, entre outras accións.

Allegue destacou que se acadará unha mellora paisaxística e da seguridade viaria, tanto para os peregrinos como para os veciños da zona. Engadiu que se fará desta contorna “un lugar máis accesible, seguro e amable para camiñar, practicar deporte, descansar ou compartir tempo de lecer en familia ou entre amigos”.

Remarcou que a Consellería de Vivenda impulsa este tipo de obras a través do Plan Hurbe, cooperando cos concellos para mellorar as contornas urbanas ou equipamentos públicos.

Salientou que este programa busca conservar o patrimonio, embelecer os pobos e lograr lugares máis atractivos para vivir, traballar ou emprender. Engadiu que ademais actuacións, como estas en Oroso, contribúen a reforzar a competitividade económica, dando pulo ao turismo, ao comercio ou á hostalaría, e atraen e consolidan poboación.

Mellora das infraestruturas do Camiño de Santiago

Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, destacou o traballo constante do seu departamento na mellora das infraestruturas relacionadas co Camiño de Santiago, "un traballo que se está a incrementar nos últimos meses, co horizonte do Ano Santo 2027".

Neste sentido, lembrou os esforzos realizados no marco do Plan de seguridade de mellora do Camiño, que contempla actuacións en máis de 150 quilómetros de 80 concellos dos nove camiños de Santiago, cunha inversión total de 40M€ destinada a afastar ás persoas peregrinas das zonas perigosas de circulación.

Merelles incidiu tamén nos bos datos do Camiño de Santiago, con 530.987 Compostelas entregadas en 2025 (un 6% máis que en 2024) e 107.879 Compostelas entregadas no que vai de 2026, o que supón un incremento do 2% respecto ao mesmo período do pasado ano. Destas, 6.275 correspóndense a persoas que elixiron precisamente o Camiño Inglés- que pasa por Oroso-, a cuarta ruta máis transitada, tras dos Camiños Francés, Portugués e Portugués da Costa e que medra a un ritmo do 2% con respecto ao mesmo período do pasado ano.

Arriba