30 mai 2026

A Xunta felicita os alumnos da primeira promoción do Grao en Xestión de Empresas Hostaleiras do CSHG

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, felicitou os 27 alumnos da  primeira promoción do Grao en Xestión de Empresas Hostaleiras e desexoulles unha nova etapa “chea de éxitos”. Acompañado polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén Docampo, o titular de Educación do Goberno galego participou no acto de graduación do alumnado que acaba de rematar os estudos desta titulación oficial da Universidade de Santiago de Compostela impartida no Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG) como centro adscrito, coa que se quere contribuír a profesionalizar o sector turístico en Galicia.

“Celebramos moito máis ca unha graduación. Celebramos unha aposta firme pola formación de calidade, pola excelencia e pola profesionalización dun sector que está a vivir un momento de auténtico auxe”, expresou Román Rodríguez, quen puxo ao sector e aos estudantes titulados como exemplo da Galicia Calidade. Segundo o conselleiro de Educación, estes estudos son unha mostra dunha visión conxunta para que o sistema educativo estea conectado co mercado laboral. “A formación debe responder ás necesidades reais do sector e a mellor maneira de preparar profesionais é ofrecer experiencias auténticas, prácticas e de alto nivel”, destacou.

Nun acto no que participaron o padriño da promoción, Simón Pedro Barceló Vadell, copresidente executivo do Grupo Barceló; a reitora da USC, Rosa Crujeiras, e o director do CSHG, José Paz Gestoso, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, puxo de manifesto a importancia da “formación en xestión turística” e desexou que as persoas que reciben o título constrúan “un turismo mellor, máis profesionalizado e competitivo”.

Nesta liña, lembrou os máis de 3.500 titulados no CSHG que están nestes momentos incorporados ao sector turístico e recordou os bos datos de Galicia, que en 2025 recibiu 8,8 millóns de turistas e rexistrou máis de 13,5 millóns de pernoctacións, “un novo máximo histórico”, como tamén o foi a cifra de ingresos dos establecementos hoteleiros, que superou os 451 M€, cun crecemento na rendibilidade do 7%, por encima da media estatal.

“Estes avances son noticias excepcionais e tamén un importante reto para a Xunta. Porque, máis que nunca, é importante estar á altura”, sinalou, referíndose á necesidade neste contexto favorable de profesionais como os do CSHG “con boa formación, visión de negocio, capacidade de liderado e coñecemento das novas tendencias”.

Merelles aludiu tamén aos traballos de mellora que se están a aplicar no propio centro e que implican “unha transformación importante”. En concreto, realizarase unha mellora enerxética que se prevé quede adxudicada en xuño. Ademais, ao longo do verán espérase poñer en marcha o Hub gastronómico de formación, que se converterá nun centro de innovación e investigación orientado a profesionais da restauración.

Arriba