04 xuñ 2026

Turismo de Galicia pon en valor en Portomarín a historia, a tradición e o patrimonio vinculado ao río Miño coa exposición 'O río que nos move’'

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou na inauguración da exposición ‘O río que nos move. En canoa polos 317 km do Pai Miño’, unha mostra itinerante que inicia o seu percorrido en Portomarín e que recupera a memoria da primeira baixada completa do río Miño en canoa, realizada en 1985 por cinco mozos do Baixo Miño con embarcacións construídas por eles mesmos.

Durante o acto, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, destacou o valor desta iniciativa para divulgar a riqueza histórica, tradicional e patrimonial de Galicia a través dun dos seus principais elementos identitarios. “Esta exposición permítenos redescubrir o Miño como fío condutor da nosa historia, da nosa paisaxe e da nosa identidade colectiva, ao tempo que pon en valor a capacidade de Galicia para ofrecer experiencias turísticas auténticas e singulares”, sinalou.

A mostra permanecerá no Pazo Xeneral Paredes de Portomarín ata o vindeiro 30 de xuño e constitúe unha viaxe visual e narrativa polo curso do río Miño, desde o seu nacemento na serra de Meira ata a súa desembocadura na Guarda, a través de fotografías, testemuñas e diversas actividades complementarias.

Xosé Merelles subliñou ademais a importancia de apoiar proxectos que contribúan a diversificar a oferta turística galega e a reforzar o posicionamento da comunidade como destino de calidade. “Iniciativas como esta permiten mostrar ao mundo a enorme variedade de recursos que atesoura Galicia, desde a natureza e o turismo activo ata o patrimonio cultural, a enogastronomía ou as experiencias vinculadas ao territorio”, afirmou.

A exposición ‘O río que nos move’ poderase visitar ao longo de 2026 en oito localidades vinculadas ao curso do Miño: Meira, Lugo, O Rosal, Tui, Ourense, Castrelo de Miño e A Guarda, ademais de Portomarín, co obxectivo de poñer en valor o río como eixo natural, histórico e identitario de Galicia.

Arriba