13 xuñ 2026

A Xunta arrinca a tempada de verán de turismo de festivais coas primeiras grandes citas de Concertos do Xacobeo

Galicia abre as portas do verán cunha intensa programación musical da man dos Concertos do Xacobeo, a iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia que continúa consolidando a comunidade como un dos grandes destinos da música en directo.

Despois dunha primavera de eventos destacados como Jaleo! e Wake Up! en Santiago de Compostela e Ouren Sound en Ourense, así como o arranque de ciclos especiais que continuarán con diversas citas ao longo do ano como Maresía, Underfest Xacobeo, Pulsacións Sonoras, Coruña Sounds ou Intermodal, as grandes citas previstas para finais de xuño e comezos de xullo –O Son do Camiño, Noites do Porto, Galicia Fest, Resurrection Fest e Tom Jones no Gozo Festival, entre outras– marcan o arranque da tempada estival e converterán Galicia nun gran escenario ao aire libre capaz de ofrecer experiencias musicais para públicos moi diversos. A programación combina artistas internacionais de primeiro nivel, referentes nacionais e unha destacada representación do talento galego, ao tempo que contribúe á chegada de visitantes, á dinamización turística das diversas localidades e á xeración de actividade económica en sectores como a hostalaría, o comercio, o transporte ou os servizos culturais.

A primeira gran cita será O Son do Camiño, que celebrará unha nova edición no Monte do Gozo de Santiago de Compostela os días 18, 19 e 20 de xuño. Considerado un dos festivais máis relevantes do panorama musical estatal, volverá reunir máis de 125.000 persoas arredor dun cartel que supera as 40 actuacións e que contará con figuras internacionais como Linkin Park, Katy Perry, Biffy Clyro ou Afrojack, ademais de artistas estatais de referencia como Dani Martín, Lola Índigo, Guitarricadelafuente ou os galegos Sen Senra e Carlos Ares. Desde o seu nacemento en 2018, O Son do Camiño converteuse nun dos principais motores do turismo musical en Galicia, atraendo público chegado de múltiples comunidades autónomas e de distintos países e contribuíndo a proxectar internacionalmente Santiago de Compostela e o Monte do Gozo como un dos grandes recintos musicais de Europa.

A Coruña será a protagonista entre o 22 de xuño e o 5 de xullo coa celebración da sexta edición de Noites do Porto. Durante as dúas semanas de concertos, o público poderá gozar con 25 concertos entre os que destacan Xoel López (23 de xuño), The Horrors (27 de xuño), Curtis Harding (30 de xuño), Monsieur Periné (1 de xullo) ou María José Llergo (2 de xullo). A cita consolídase como unha das propostas culturais máis singulares do calendario coruñés e reforza o atractivo da cidade durante o inicio da tempada turística.

Tamén a finais de xuño, os días 26 e 27, Vigo acollerá a segunda edición do Galicia Fest, un festival que naceu coa vocación de converterse nun referente do norte peninsular para o público novo. Nesta edición, o evento contará coa presenza de La Reina del Flow, fenómeno internacional xurdido da exitosa serie homónima, ademais de artistas como Álvaro de Luna, Juan Magán, Lori Meyers, Miriam Rodríguez, Sabela, Fredi Leis, Marlena, ou Vera Fauna.

Xa en xullo, Galicia volverá captar a atención dos seguidores da música máis alá das súas fronteiras coa celebración do Resurrection Fest, que terá lugar en Viveiro entre os días 1 e 4. O festival, considerado un dos máis importantes de Europa nos ámbitos do rock, o metal e o punk, celebra a súa vixésimo primeira edición cun dos carteis máis destacados da súa historia e máis de 80 bandas participantes. Iron Maiden, Limp Bizkit, Marilyn Manson e Sabaton encabezan unha programación que volverá converter a Mariña lucense nun punto de encontro para milleiros de asistentes chegados de toda España e outros países.

Outra das grandes citas deste inicio do verán chegará da man do Gozo Festival, que continúa apostando por achegar a Galicia artistas internacionais de primeiro nivel ao longo de todo o ano. O próximo 2 de xullo, o Coliseum da Coruña recibirá a Tom Jones, unha das grandes lendas da música popular contemporánea. Aos seus 85 anos e tras máis de seis décadas de carreira, o artista galés continúa enchendo recintos de todo o mundo grazas á súa voz inconfundible e a un repertorio que forma parte da historia da música internacional.

En conxunto, estes festivais exemplifican a capacidade da música para actuar como motor económico, turístico e social, favorecendo a chegada de visitantes, a creación de emprego e a dinamización dos territorios que acollen os eventos.

Xunto a estas grandes citas, destacan, tamén, o evento de recente creación Petra Rosa Festival (do 25 ao 28 de xuño no Porriño, con Pablo López, Antonio Orozco, Sergio Dalma e Bresh), ou o concerto da estrela da música urbana Hard GZ en Ourense o 20 de xuño.

Máis aló de Galicia

Os Concertos do Xacobeo amplían a súa proxección máis alá das fronteiras da Comunidade apoiando iniciativas vinculadas aos valores culturais e territoriais do Camiño de Santiago. É o caso de Musicamino, que se celebrará entre o 26 e o 28 de xuño en Villafranca del Bierzo, na provincia de León) e que combina música, patrimonio, viño e experiencia xacobea nunha contorna singular. O cartel reúne artistas como Loquillo, La La Love You, Miss Caffeina, León Benavente, Ángel Stanich, Besmaya ou Chiquita Movida.

Os Concertos do Xacobeo, un mapa sonoro diverso e plural

A Xunta de Galicia continúa firme no seu obxectivo de situar a comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo, un programa amplo e plural impulsado por Turismo de Galicia.

 A aposta pola calidade e a diversidade de gustos e estilos para diferentes xeracións de públicos constitúe un atractivo único do programa que, de xaneiro a decembro deste 2026, trae a Galicia máis de 800 artistas internacionais, nacionais e galegos de todos os xéneros. Ata o momento, os Concertos do Xacobeo financian máis de 100 eventos que se desenvolven ao longo dos 12 meses nas catro provincias galegas, dos que 48 teñen lugar na provincia da Coruña, 42 en Pontevedra, 16 en Ourense e 8 en Lugo. Un dos grandes valores da marca é a capacidade de desestacionalizar a actividade cultural e turística, estendendo a programación durante todo o ano máis alá da tempada alta.

O programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.

Arriba