Xosé Merelles destaca que Ribadeo exemplifica a aposta da Xunta por un turismo de calidade dentro da marca España Verde
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, inaugurou o Foro de turismo ‘España Verde: Un destino de calidade’. O encontro, que se desenvolveu no Real Club Náutico de Ribadeo, inclúe mesas e debates nas que analizar os novos retos medioambientais para a marca España Verde, tendo en conta a oferta turística con identidade e recursos turísticos propios que ofrecen as comunidades do norte peninsular.
Xosé Merelles destacou o traballo de Turismo de Galicia, a través de iniciativas como este foro, na consolidación da marca España Verde como proposta integradora que engloba as propostas turísticas de Galicia, Principado de Asturias, Cantabria e Euskadi, co obxectivo de poñer en valor as características comúns destes territorios, que aglutinan 14 Reservas da Biosfera da UNESCO, 25 parques naturais, case 2.000 quilómetros de costa e 2.800 aloxamentos rurais.
Durante a súa intervención, Xosé Merelles lembrou ademais “a estratexia para 2026, que quere afondar na aposta pola promoción en mercados de longa distancia á vez que se reforza o traballo nos mercados europeos, avanzando ademais na estratexia dixital”.
O director de Turismo de Galicia sinalou Ribadeo como “un exemplo perfecto de destino España Verde”, no que se integra unha experiencia turística marcada por factores como a gastronomía, o patrimonio histórico artístico e a súa localización como porta de entrada do Camiño do Norte. Neste último campo, lembrou que no que vai de 2026, case 6.000 camiñantes recolleron a súa Compostela tras percorrer este itinerario.
Xosé Merelles destacou ademais outros recursos concretos da localidade, como Illa Pancha ou a praia das Catedrais, xunto con celebracións como o Ribadeo Indiano, destinado a poñer en valor a memoria da emigración a América e o legado arquitectónico, social e cultural, que contribúen a facer de Ribadeo un destino representativo da marca.
Precisamente, tras das mesas redondas, a xornada continuou cunha visita a espazos turísticos destacados da zona, que permitirán coñecer estes recursos.