20 xuñ 2026

A Xunta organiza a III Etapa Popular Camiño da Costa entre Vigo e Redondela con récord de inscricións

A Xunta de Galicia organiza o domingo, 21 de xuño, a terceira edición da Etapa Popular Camiño da Costa cun percorrido polo tramo da peregrinación xacobea que une Vigo e Redondela. A iniciativa xa marcou o primeiro récord cando pechouse o prazo de inscricións con máis de 200 participantes anotados.

A delegada territorial, Ana Ortiz; o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, encabezan a andaina que parte ás 09:00 horas desde o edificio administrativo da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Vigo e que remata aproximadamente catro horas despois no albergue da Casa da Torre en Redondela.

O Camiño Portugués da Costa xa superou no que vai de ano os 43.000 peregrinos, o que supón un 23% máis que en 2025. Ademais, os camiñantes son na súa maioría estranxeiros de alto poder adquisitivo, sobre todo norteamericanos e alemáns, mesmo máis que portugueses ou que os propios españois. Desde que foi declarado oficial, en maio de 2016, xa realizaron este roteiro máis de 300.000 persoas. 

“Os números son espectaculares, con xornadas nas que hai preto de 1.000 peregrinos aloxados en Vigo, o que iso supón para os hoteis, a restauración e o comercio. Gustaríame lembrar que estamos xa nun punto de excelencia que deberiamos todos ter en conta para coidar e fomentar, polo que urxe sinalizar a ruta polas rúas de Vigo para que ningún peregrino pérdase”, reclama Ana Ortiz.

A Xunta de Galicia en Vigo organiza esta actividade coa colaboración da Dirección Xeral de Turismo. O punto de encontro o día 21 de xuño é na fachada da Delegación Territorial ás 08:30 horas. Na iniciativa colaboran a Federación Provincial de Comerciantes, a Federación Empresarial de Turismo e Hostalería de Pontevedra, Biscuits Galicia, Vodea, Coca-Cola e Gadis. 

Arriba