29 xuñ 2026

A Xunta volve a situar Viveiro no circuito internacional dos grandes festivais musicais co seu apoio ao Resurrection Fest

A mellor música de alta intensidade volverá soar en Galicia coa celebración do Resurrection Fest Estrella Galicia, que terá lugar en Viveiro do 1 ao 4 de xullo. O festival, integrado na programación dos Concertos do Xacobeo, celebra este ano a súa 21ª edición consolidado como un dos principais eventos de rock, metal, hardcore e punk de Europa.

O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, visitou o recinto do festival para comprobar os traballos de montaxe dunha cita que volverá converter Viveiro e a Mariña Lucense nun dos grandes epicentros musicais do continente.

Ao longo de catro xornadas, máis de 90 bandas actuarán en catro escenarios nun cartel que reúne algunhas das figuras máis relevantes da música internacional. Entre os nomes destacados desta edición figuran Iron Maiden, unha das bandas máis influentes da historia do heavy metal; Marilyn Manson, unha das figuras máis recoñecibles do rock internacional; Sabaton, referente do metal europeo contemporáneo; Mastodon, Trivium, Testament ou Anthrax, ademais de actuacións exclusivas en España de grupos como Limp Bizkit, A Day To Remember, P.O.D., Blood Incantation, Converge ou Man with a Mission.

Durante a visita, Marcos Gómez Román destacou que “o Resurrection Fest exemplifica á perfección o papel dos Concertos do Xacobeo como ferramenta para posicionar Galicia nos grandes circuítos internacionais da música en directo”. Neste sentido, lembrou que “a través desta marca impulsada pola Xunta apoiamos eventos capaces de atraer visitantes de todo o mundo, xerar riqueza nos territorios e reforzar a imaxe de Galicia como destino cultural moderno, dinámico e de calidade”.

Un motor económico e turístico para Viveiro

Tras acadar en 2025 a edición máis multitudinaria da súa historia, con 141.376 asistentes procedentes de máis de 40 países, o Resurrection Fest afronta esta nova convocatoria coa previsión de manter cifras similares de participación.

O comisario do Xacobeo 2027 salientou que “falamos dun evento que transcende o ámbito musical para converterse nun auténtico motor económico e turístico para Viveiro e para toda a Mariña Lucense”. Lembrou que o festival xera cada ano unha ocupación practicamente completa da capacidade de aloxamento da contorna, ademais dun importante impacto na hostalaría, o comercio, os transportes e os servizos. Segundo os datos da pasada edición, o impacto económico do Resurrection Fest situouse entre os 20 e os 30 millóns de euros e contribuíu á creación de máis de 1.500 empregos directos e máis de 4.000 indirectos.

“O público internacional, nacional e galego que se achega a Viveiro para gozar do Resurrection Fest ten tamén a oportunidade de descubrir a riqueza paisaxística, gastronómica e patrimonial da Mariña Lucense, convertendo a experiencia musical nunha experiencia turística completa”, apuntou Marcos Gómez Román.

Concertos do Xacobeo tras os principais eventos de Galicia

O Resurrection Fest forma parte da programación dos Concertos do Xacobeo, que tamén dá cobertura este ano a nove eventos e festivais na provincia de Lugo. Entre eles figuran tamén o Caudal Fest, con gran capacidadde, e o Dezaseteº na Ribeira Sacra ou SoaSuarna nos Ancares, cun formato máis reducido.

O programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.

Arriba