Turismo de Galicia impulsa a posta en valor do Hórreo do Araño en Rianxo coa mellora da súa contorna e accesibilidade
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o alcalde de Rianxo, Julián Bustelo Abuín, asinaron un convenio de colaboración para acometer a mellora da contorna e dos accesos ao Hórreo do Araño, considerado un recurso turístico de gran valor etnográfico e patrimonial ao tratarse do máis longo e de maior capacidade de Galicia. O proxecto contará cun investimento estimado de 215.985 euros, dos que Turismo de Galicia achegará representa o 67% do orzamento total.
Segundo explicou o director de Turismo de Galicia, “a actuación ten como obxectivo facilitar o acceso a este elemento patrimonial singular, mellorar a experiencia das persoas visitantes e contribuír á súa posta en valor, ao tempo que se reforza a conservación da contorna e a mobilidade sostible”. Ademais de mellorar a accesibilidade a este recurso turístico, tamén contribuirá a distribuír os fluxos turísticos de maneira máis equilibrada ao tempo que fomenta un turismo responsable e sostible, “outro dos obxectivos da Estratexia de Turismo de Galicia 2030”, sinalou Xosé Merelles.
Durante a sinatura, o director de Turismo de Galicia destacou que "este convenio reflicte o compromiso da Xunta coa posta en valor do patrimonio cultural como recurso turístico de calidade e coa creación de infraestruturas que permitan gozar del nas mellores condicións". Engadiu que "o Hórreo do Araño é un dos grandes símbolos do patrimonio etnográfico galego e esta actuación permitirá mellorar a súa accesibilidade, a súa interpretación e a experiencia das persoas que o visitan, sempre desde o respecto á súa contorna e aos seus valores patrimoniais".
O responsable de Turismo de Galicia subliñou tamén que "investir no rural é investir nun modelo turístico máis equilibrado e sostible. Queremos que os visitantes descubran novos destinos, contribuíndo a distribuír os fluxos turísticos polo territorio e xerando oportunidades de desenvolvemento económico para os concellos".
Mellora integral da contorna
As actuacións previstas permitirán resolver as actuais deficiencias da zona, especialmente os problemas derivados da drenaxe e do estado do firme, que dificultan o acceso e limitan o tránsito de vehículos de maior tamaño. Ademais, repararase e renovarase o firme do aparcamento e da vía pública, e crearase unha área de estacionamento adaptada ao movemento de vehículos, construiranse novos sendeiros e unha pasarela de madeira que funcionará como miradoiro sobre o val que une a parroquia do Araño coa ría de Arousa.