A Xunta impulsa a formación de preto de 50 mestres de entidades galegas do exterior que difundirán o baile e a música tradicional de Galicia por América e Europa
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, destacou o valor de iniciativas como Escolas Abertas para divulgar a cultura e tradicións galegas na diáspora a través das persoas que imparten docencia nas entidades galegas do exterior. Nesta liña, explicou que o Goberno galego consolida este programa cunha nova edición na que, desde hoxe ata o 20 de xullo, preto de 50 persoas de distintos países de América e Europa -incluíndo outros puntos de España-, se formarán nas modalidades de baile tradicional galego, canto popular, pandeireta, gaita e percusión e habilidades directivas neste eido.
Así o expuxo José González durante o acto de inauguración de Escolas Abertas 2026, celebrado no Centro Superior de Hostalería de Galicia, onde terá lugar a formación e onde estivo acompañado polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles. Alí o conselleiro tamén puxo de relevo o efecto multiplicador desta iniciativa enfocada á formación de formadores, pois é unha ponte entre Galicia e a diáspora galega que permite seguir preservando e difundindo a cultura e tradicións da comunidade de xeito global.
Neste contexto, salientou o compromiso e a dedicación das mestras e mestres que, coa formación especializada e cualificada que recibirán estes días, chegarán a milleiros de alumnas e alumnos dos seus países de residencia. As persoas participantes teñen unha media de idade de 35 anos e proceden, entre outros países, da Arxentina, Uruguai, Venezuela, O Brasil e doutros puntos de España, onde difundirán o aprendido en Galicia no marco desta iniciativa coa que se levan formado arredor de 2.000 persoas.
Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, destacou a colaboración prestada desde o Centro Superior de Hostalería de Galicia nesta iniciativa que “exemplifica a nosa aposta por unha formación de excelencia como ferramenta para fortalecer tamén os vínculos de Galicia co exterior”. Xosé Merelles salientou ademais que na actualidade o turismo internacional continúa gañando peso, “representando xa o 30% da demanda turística en Galicia e cun crecemento do 3% no que vai de ano” e neste sentido, “programas como Escolas Abertas axudan a reforzar a nosa proxección exterior e a consolidar Galicia como un destino de referencia tamén no ámbito da formación turística e hostaleira”.
Compromiso autonómico coa comunidade galega do exterior
Ademais, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración salientou o compromiso da Xunta coa galeguidade no exterior. Neste eido trasladou o apoio á divulgación da cultura e tradición galegas fortalecendo programas como Escolas Abertas. Tamén aproveitou a ocasión para poñer de relevo o apoio autonómico a aqueles emigrantes galegos que desexen retornar. Neste ámbito subliñou a Estratexia Galicia Retorna 2023-2026, no marco da que se impulsan programas orientados á atracción de talento. Puxo como exemplo o Retorna Cualifica Emprego, que ofrece en orixe traballos de calidade cos que volver a Galicia, complementados con apoios para establecerse e do que está en marcha a terceira edición. Tamén se referiu ás Bolsas Excelencia Mocidade Exterior para fomentar o regreso de xente nova con alta cualificación.