09 xul 2026

Xosé Merelles salienta que os cursos internacionais da USC reforzan a estratexia de promoción da Xunta dos recursos turísticos de Galicia e o Camiño de Santiago

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asistiu xunto coa reitora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Rosa Crujeiras, no Pazo de Fonseca á inauguración oficial dos cursos de verán da entidade académica. Trátase dunha iniciativa dedicada á ensinanza do español como lingua estranxeira e á difusión da cultura española e galega entre alumnado internacional. O programa de verán dará comezo o 20 de xullo, e rematará o día 19 de setembro.

Entre a oferta lectiva hai varias propostas directamente relacionadas co Camiño de Santiago, que abordan a experiencia xacobea desde distintas perspectivas: formación e experiencia práctica; mellora do idioma español para voluntariado e xestión do albergues ou para profesorado de español de nivel B2; ou programas a medida que alternan percorrido e clases no campus e en ruta.

Como lembrou o director de Turismo de Galicia, os cursos “destacan pola súa capacidade internacionalizadora, ao atraer estudantes de todo o mundo á cidade de Santiago e a Galicia, que se converten en potenciais prescritores da comunidade nos seus países de orixe”. Ademais, ao organizar actividades complementarias en distintos puntos da comunidade, contribúen tamén á diversificación de fluxos turísticos e á dinamización de distintos territorios.

Xosé Merelles apuntou tamén que, grazas a que a programación de cursos internacionais se mantén ao longo de todo o ano, tamén ten un carácter desestacionalizador da actividade turística, xerando ademais estadías máis longas fóra do período estival.

Relación coa USC

Turismo de Galicia mantén unha colaboración constante coa USC. O Centro Superior de Hostalaría de Galicia, integrado no departamento do Goberno galego, está adscrito á universidade, impartindo formación oficial en xestión de empresas hostaleiras. Ademais, outra parte desta colaboración canalízase a través da Cátedra Institucional do Camiño de Santiago e das Peregrinacións, que pon o foco na investigación e difusión dos valores xacobeos e os distintos itinerarios. Creada pola universidade, xestiónase mediante un convenio no que participan tamén Turismo de Galicia e a Catedral de Santiago.

Arriba