12 xul 2026

Xosé Merelles destaca a XXX Regata Cruceiro Cenor como referente da vela galega e un impulso ao turismo deportivo

O director de Turismo de Galicia referiuse á XXX Regata Cruceiro CENOR como "unha das citas máis veteranas e consolidadas da vela de cruceiro en Galicia" e puxo en valor o papel deste tipo de competicións para reforzar o posicionamento da Comunidade como referente nos grandes eventos náuticos.

Durante a entrega de trofeos da proba, Xosé Merelles sinalou que Galicia "conta cunha longa tradición vinculada ao mar e á navegación, con deportistas, clubs e eventos de primeiro nivel que contribúen a fortalecer a nosa marca turística".

O responsable de Turismo incidiu en que a XXX Regata Cruceiro CENOR, organizada polo Club Náutico de Portonovo e o Club Náutico Deportivo Barraña, "combina á perfección deporte, paisaxe e promoción do territorio", ao desenvolverse entre as rías de Pontevedra e Arousa, e destacou que a súa trixésima edición "confirma a consolidación dun evento que xa é un referente do calendario náutico galego".

Así mesmo, lembrou que o turismo náutico constitúe un segmento estratéxico para a Xunta de Galicia pola súa capacidade para atraer visitantes durante todo o ano, dinamizar a economía local e contribuír á internacionalización do destino. "Os eventos deportivos son unha ferramenta clave para desestacionalizar a demanda turística e para proxectar Galicia en mercados nacionais e internacionais, grazas á participación de regatistas, equipos e afeccionados procedentes de distintos lugares", afirmou.

O director de Turismo de Galicia incidiu tamén na crecente relevancia do turismo deportivo para a Comunidade, un segmento que en 2025 atraeu máis de 118.000 visitantes e xerou preto de 270.000 noites nos establecementos turísticos galegos. "Seguiremos apoiando eventos deste tipo porque contribúen a consolidar Galicia como un destino deportivo de excelencia, ao tempo que xeran riqueza e oportunidades para os municipios que os acollen", concluíu.

Arriba