A Xunta incorpora os produtos da empresa cambadesa A Mariscadora á marca Galicia Calidade
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, fixo entrega do selo de certificación de Galicia Calidade á empresa conserveira A Mariscadora, do concello pontevedrés de Cambados. No acto, no que estivo acompañado pola directora-xerente do selo de garantía, Ana Méndez, asinouse o contrato coa conserveira e tamén se realizou unha visita ás súas instalacións.
O director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, destacou a calidade do sector conserveiro en Galicia, “un atractivo máis para atraer cada ano a turistas a Galicia e que se ten convertido nun referente a nivel mundial”. Con esta certificación “non vimos máis que a recoñecer o traballo da Mariscadora, que con máis de 50 anos de historia leva polo mundo a calidade e os froitos das nosas rías”.
Costas e Miñán nace en 1966 en Vilaxoán (Ría de Arousa) froito da unión de dous emprendedores dando así inicio a unha conserveira marcada pola tradición, a dedicación e o respecto polo mar. Baixo a súa marca principal, Mariscadora, a empresa reflicte o seu vínculo coa cultura pesqueira local e o seu compromiso coa calidade en cada elaboración.
Con máis de 50 anos de traxectoria e carácter familiar, mantivo un proceso artesanal transmitido ao longo de tres xeracións, onde a experiencia e o coidado polos detalles garanten conservas que preservan o seu sabor e autenticidade. Situada en Cambados, no corazón da Ría de Arousa, a empresa benefíciase dunha contorna única pola súa riqueza mariña, clave na excelencia dos seus produtos.
Polo contrato asinado, a empresa conserveira poderá certificar os seguintes produtos: mexillóns, zamburiñas, berberecho, xoubas, agullas, chipiróns, bonito e atún, comercializados coa marca A Mariscadora. Con esta certificación, o selo de garantía suma xa seis empresas conserveiras con produtos adheridos, como son Jealsa, Cortizo, Cabo de Peñas, Lago Paganini e A Mariscadora, no que se refire ás conservas de peixes e mariscos,e tamén A Rosaleira no ámbito das conservas vexetais.
149 empresas certificadas
A marca de garantía conta na actualidade cun total de 149 empresas con produtos e servizos certificados de todos os sectores da economía galega, onde o turismo e a gastronomía supoñen máis do 60% do total.