A Xunta celebra o traballo da Coral de Ruada e de Marita Souto Figueroa, galardoados cos Premios Ourensanía 2026
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, xunto co delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; o director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes; e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Vázquez Guzmán, asistiron á entrega dos Premios Ourensanía 2026. Nesta décimo sexta edición, os galardóns recoñecen a traxectoria da Coral de Ruada e de María Generosa ‘Marita’ Souto Figueroa, que recibiu a título póstumo o Premio Ourensanía de Honra. A cerimonia tivo lugar na véspera de San Martiño, patrón da cidade.
Creados pola Deputación Provincial de Ourense en 2011, os Premios Ourensanía teñen como obxectivo recoñecer a persoas, colectivos e institucións que contribúen ao desenvolvemento, prestixio e proxección da provincia nos ámbitos cultural, social, científico, empresarial e deportivo. Nesta edición, a Coral de Ruada é distinguida pola súa longa traxectoria na conservación e promoción da música e da cultura tradicional galega, mentres que Marita Souto Figueroa é recoñecida pola súa achega científica e investigadora ao estudo das augas mineromedicinais e do patrimonio termal ourensán, dous ámbitos estratéxicos para a valorización dos recursos culturais e turísticos da provincia.