CURSO DE XESTIÓN E DIRECCIÓN DE SALA
Programa
Dentro do Plan de Formación de Turismo de Galicia 2025, inclúese a formación técnica de especialización en servizos de restauración e bebidas, entre os seus obxectivos está impulsar a transformación dos servizos de restauración e mellorar a xestión, a sustentabilidade e a experiencia do cliente nos restaurantes e empresas de hostalería en Galicia. Para isto ofrecemos un curso en colaboración co INGAVI (Instituto Galego do Viño), entidade educativa de referencia no eido da Restauración e as Bebidas.
Modalidade: Presencial
Duración: 24 horas
Datas: 17, 18, 24, 25 de novembro e 1 e 2 de decembro de 2025
Horario: De 17:00h a 21:00 h
Lugar: Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG), A Barcia – Santiago de Compostela
Prazas dispoñibles: 20
OBXECTIVOS DO CURSO:
O curso ten como finalidade mellorar a xestión e dirección do servizo de sala nos establecementos de restauración, dotando aos profesionais das ferramentas necesarias para ofrecer unha experiencia de calidade e coherente co nivel do restaurante.
A través dunha metodoloxía práctica e aplicada, o alumnado aprenderá a planificar, organizar e liderar o traballo do equipo de sala con eficacia, motivación e orientación ao cliente.
Ao longo das sesións abordaranse técnicas de servizo de alto nivel, estratexias para optimizar a rendibilidade e boas prácticas que permitan elevar os estándares de atención e hospitalidade.
O curso pretende tamén inspirar unha visión actual e innovadora da sala como espazo clave na experiencia gastronómica, poñendo o foco no detalle, a coordinación e o liderado.
DESTINATARIOS:
Esta formación está dirixida exclusivamente a profesionais do sector da restauración en Galicia que desexen perfeccionar as súas competencias na xestión e coordinación do servizo de sala, mellorando tanto a organización interna como a experiencia do cliente.
En particular, o curso está orientado a:
- Xefes e xefas de sala, responsables de liderar equipos e garantir un servizo impecable.
- Encargados e xerentes de establecementos de restauración, interesados en optimizar a operativa diaria e profesionalizar a súa xestión.
- Persoal de sala que aspire a asumir novas responsabilidades e avanzar na súa traxectoria profesional.
- Propietarios e emprendedores que desexen mellorar o control da xestión de sala e ofrecer un servizo diferenciado que fidelice á clientela.
FORMADORES:
O curso contará cun destacado panel de profesionais de referencia no ámbito da restauración e da dirección de sala, que compartirán a súa experiencia e visión práctica sobre a excelencia no servizo.
- Xoán Cannas, Director do INGAVI.
- Agustín Trapero, Fundador de AT SOMM, ex Wine Director do Four Seasons Madrid 5* e Delegado en España da prestixiosa lista TOP 100 Sommeliers.
- Israel Ramírez, Director do Restaurante Saddle Madrid, recoñecido cunha estrela Michelin.
- Jano Castro, Copropietario dos Restaurantes Agelito e La Galería en Playa América, ex Director do Grupo Paraguas Madrid e ex Subdirector de operacións do Grupo Dani García
- Alba Fernández, Copropietaria dos Restaurantes Agelito e La Galería, ex Manager do Restaurante Amazónico Madrid
- Xosé Luis Reza, Socio Director de Marketing de IUNI Strategic Marketers
- Marianna Suárez, Xefa de Sala de El Celler de Can Roca, distinguido con tres estrelas Michelin.
Ademais, o programa inclúe dúas mesas redondas con representantes das principais salas galegas, que achegarán diferentes perspectivas sobre a realidade actual da restauración en Galicia.
REQUISITOS E CRITERIOS DE SELECCIÓN:
Este curso está dirixido exclusivamente a profesionais que traballan en establecementos hostaleiros en Galicia. Para garantir un grupo o máis equilibrado e axeitado posible aos obxectivos da formación, aplicarase un proceso de selección baseado nos seguintes criterios:
- Vinculación profesional: Ter experiencia ou estar en activo no ámbito da hostalería en Galicia. (Imprescindible presentar vida laboral o xustificante da empresa)
- Perfil axeitado ao curso: Valorarase especialmente a persoas que desenvolvan función en sala ou dirección de negocios gastronómicos.
- Interese e motivación: Solicitarase unha breve carta de motivación (3-5liñas) na que a persoa candidata mostre o seu interese e aplicación dos contidos do curso.
- Equilibrio de perfís: Conformaráse un grupo diverso con profesionais de distintas áreas.
Entre as candidaturas que cumpran os requisitos anteriores , terase en conta a orde de chegada e correcta cumplimentación da solicitude de praza no curso.
Co obxectivo de maximizar o alcance do curso e permitir a asistencia de profesionais de diferentes empresas, establécese o criterio de limitar a participación a unha persoa por empresa. Se unha mesma entidade/empresa presenta varias solicitudes, a organización do curso seleccionará únicamente a unha delas quedando as demáis en lista de agarda.
Unha vez finalizado o proceso de inscrición, comunicarase a resolución ás persoas seleccionadas mediante correo electrónico.
CERTIFICADO:
Obterán certificado de participación expedido por Turismo de Galicia de 24 horas os alumnos que asistan como mínimo ao 85% do total do curso.
PREZO:
Curso financiado ao 100% por Turismo de Galicia. Prazas limitadas.
INSCRICIÓN:
Aberta do 5 ao 13 de Novembro (ou ata cubrir prazas).
Para formalizar a túa inscrición, accede ao formulario: FAI CLIC AQUI
Máis información: formacion.turismo@xunta.gal