21 ago 2017

O Camiño Inglés encherase de teatro e música nas próximas semanas co programa ‘Vive o Camiño’ de Turismo de Galicia

  Nava Castro presentou hoxe a programación dirixida aos peregrinos e veciños dos 18 concellos desta ruta xacobea, cuxa relevancia non deixa de incrementarse

 
Ademais da nova obra teatral ‘Dous no Camiño’ e dos concertos de Caxade, haberá animación nos concellos e nas proximidades dos albergues en agosto e setembro
 
Nestes momentos realízanse numerosas iniciativas de mellora no Camiño Inglés, que este ano centra boa parte da atención do Plan director do Camiño de Santiago
 

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou hoxe en Ferrol a programación de Vive o Camiño, iniciativa de promoción e dinamización do Camiño Inglés que durante as próximas semanas encherá de música e teatro as rúas e prazas dos 18 concellos que forman parte deste itinerario xacobeo na provincia da Coruña.

 
Este programa cultural servirá nos dous próximos meses como vehículo de transmisión dos valores xacobeos, tanto entre os peregrinos como entre os galegos en xeral. Ambos poderán gozar de balde de Vive o Camiño, o que servirá para por en valor o Camiño Inglés, unha ruta á alza que no que vai de ano foi xa percorrida por 7.600 persoas, o que a converte na quinta máis elixida. “A relevancia do Camiño Inglés non deixou de crecer e, por iso, desde Turismo de Galicia estamos a dedicar moitos esforzos e inversións nel”, afirmou Nava Castro.
 
Vive o Camiño espallará o espírito dos Camiños a través das artes escénicas e a música nos meses de agosto e setembro desde este mércores. Esa xornada, a partir das 20,00 horas, o Peirao de Curuxeiras da cidade ferrolá acollerá o estreo da obra Dous no Camiño. Trátase dun espectáculo interpretado por Fran Rei e Isabel Risco, coa dirección de Avelino González e o texto de Roi Vidal e Xurxo Barcala. De seguido, este mesmo recinto servirá de escenario para o concerto de Caxade, un proxecto persoal de Alonso Caxade ao redor do folk-pop.
 
Ademais, e na mesma liña de Dous no Camiño, Fran Rei e Isabel Risco levarán a cabo unha animación, de creación e dirección propia, tanto nos concellos como nas contornas dalgúns albergues, onde interactuarán cos cidadáns e os peregrinos en cada posta en escena. Nesta animación, Atanasio e Teodoro, os dous discípulos de Santiago que levaron polo mar os seus restos ata Galicia, atópanse perdidos despois dunha viaxe no tempo de moitos séculos. As modernidades que ven sorpréndenlles, pero ao mesmo tempo van descubrindo que o esencial do Camiño de Santiago, a natureza, as paisaxes e os monumentos, non mudaron.
 
Investimentos no Camiño Inglés
Nava Castro lembrou algúns dos investimentos realizados este ano no Camiño Inglés, que están incluídos no Plan director do Camiño de Santiago, a folla de ruta que contén todas as iniciativas e intervencións previstas coa vista posta no Xacobeo 2021 e tamén ante a nova realidade da ruta, co seu crecemento sustentable e a súa constante internacionalización.
 
De feito, dito plan dedica 2017 ao Camiño Inglés e ao de Fisterra-Muxía. No caso do Inglés, nestes momentos lévanse a cabo traballos de sinalización e recuperación segundo a nova delimitación oficial, desde Ferrol e A Coruña (os seus dos puntos de inicio en Galicia) ata Bruma, e desde este lugar ata Santiago de Compostela. Está prevista, ademais, a apertura dun novo albergue en O Poulo, no concello de Ordes, aínda nas súas primeiras fases.
 
En paralelo ás infraestruturas e o mantemento, trabállase en eidos como a promoción e as actividades de divulgación para os escolares, ademais de programas culturais como Vive o Camiño. En conxunto, estase a superar os 1,4 millóns de euros neste exercicio.
 
Vive o Camiño se desenvolverá de acordo as seguintes datas:
 
Ferrol, 23 de agosto, 20,00 horas, Peirao de Curuxeiras
Neda, 24 de agosto, 19,00 horas, Paseo Marítimo de Xuvia
Cabanas, 27 de agosto, 20,00 horas, Parque de Areal
Fene, 28 de agosto, 20,00 horas, Praza do Concello
Pontedeume, 29 de agosto, 20,00 horas, Parque Infantil do Paseo Marítimo
Carral, 30 de agosto, 18,30 horas, Campo da Feira
Paderne, 31 de agosto, 20,00 horas, Lugar de Chantada (Parroquia de Souto)
A Coruña, 5 de setembro, 20,00 horas. Xardíns de Méndez Núñez
Culleredo, 6 de setembro, 20,00 horas, Praza Europa do Burgo
Cambre, 7 de setembro, 20,00 horas, Auditorio do Parque da Igrexa
Betanzos, 8 de setembro, 20,00 horas, Praza Irmáns García Nogueira
Narón, 9 de setembro, 19,00 horas, Paseo Marítimo Xuvia
Mesía, 10 de setembro, 20,00 horas, Praza do Concello, Xanceda
Ordes, 11 de setembro, 20,00 horas, Alameda
Oroso, 12 de setembro, 20,00 horas, exterior da piscina municipal
Miño, 13 de setembro, 19,00 horas, Parque Municipal da Rúa
Abegondo, 17 de setembro, 18,30 horas, Campo da Feira
Santiago de Compostela, 19 de setembro, 20,00 horas, Praza das Praterías
 
Arriba