A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e alcaldesa de Forcarei, Belén Cachafeiro, visitaron o resultado das obras de recuperación e posta en valor das Neveiras de Fixó, intervención realizada entre a Xunta de Galicia e dito concello pontevedrés no marco do acordo asinado hai un ano e que permitiu a rehabilitación deste importante patrimonio etnográfico, situado na Serra do Candán.
Datadas no século XVII, as Neveiras de Fixó poderán ser en adiante visitadas, o que servirá para difundir a historia da industria do xeo, moi descoñecida na actualidade. Estas neveiras, propiedade entón do Cabido da Catedral de Santiago de Compostela, eran explotadas polos monxes do Mosteiro de Aciveiro, que obtiñan deste recurso unha das súas principais fontes de ingresos. De feito, o comercio de xeo foi unha das actividades máis rendibles da época, pois o Camiño Real que unía dito mosteiro co Ribeiro pasaba por estas montañas.
Os traballos, como lembrou Nava Castro, realizáronse en dúas fases. A primeira consistiu no estudio arqueolóxico das neveiras para coñecer as técnicas e os materiais empregados na súa construción, na que varios especialistas formularon as súas hipóteses. Rehabilitáronse, despois, as neveiras e a súa contorna, con diversos traballos de consolidación da superficie moi respectuosos coas estruturas existentes. Co fin de salvagardar este notable patrimonio, só se acometeron as intervencións necesarias de protección, limpeza e posta en valor.
Patrimonio ben conservado
“Forcarei, Pontevedra e Galicia recuperan un valiosísimo vestixio da nosa Historia que será divulgado e coñecido gracias a estas actuacións”, declarou a directora de Turismo, quen celebrou que esta comarca pontevedresa conte así cun novo recurso “ao que se lle da un correcto enfoque cun óptimo estado de conservación”, ampliando o rico patrimonio cultural galego, a terceira razón xunto a natureza e a gastronomía pola que os turistas elixen Galicia.
Nava Castro sinalou que aínda se desenvolverán máis iniciativas de mellora a través dunha liña de subvención para a correcta sinalización do lugar nas proximidades e outras labores de adecuación, que garantirán unha boa experiencia aos veciños e viaxeiros interesados.