10 xuñ 2013

Turismo de Galicia e RENFE poñen en marcha os trens turísticos Ruta dos faros e Polos xardíns das camelias

O presidente da Xunta e a ministra de Fomento presidieron a sinatura dun convenio que pon en valor o uso do ferrocarril como medio de transporte e achega aos visitantes recursos turísticos que son únicos da Comunidade

 

Pon tamén en valor a capacidade do bono Rail Pass que permitirá o uso da rede de trens de Renfe dentro do territorio da Comunidade, durante 10 días e por un prezo de 49 euros por adulto.

 
O tren turístico de luxo Al-Andalus chegará por primeira vez a Galicia o vindeiro verán a través do Camiño de Santiago.

Sinatura do convenio entre Turismo de Galicia e RENFE.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou que o convenio entre o Goberno galego e Renfe potencia os usos turísticos do tren cun conxunto de actividades que diversifican a oferta de Galicia e a reforzan como “destino único” para os viaxeiros. O titular do Goberno galego, e a ministra de Fomento, Ana Pastor, presidiron a sinatura do acordo entre a Axencia de Turismo de Galicia e o operador ferroviario, que pon en valor o uso do ferrocarril como medio de transporte e achega aos visitantes recursos turísticos que son únicos na Comunidade.

 

O titular da Xunta defendeu a capacidade do turismo para xerar riqueza, sinalando que este sector está chamado a liderar a recuperación e a prosperidade económica en Galicia, e manifestou o empeño do Goberno galego por incrementar a competitividade das empresas turísticas con políticas reais que fomenten o desenvolvemento sustentable a través da innovación e a colaboración entre sectores.

 

Nese marco situou o convenio asinado con Renfe, destacando que “nunca nesta Comunidade se puxera en marcha un proxecto turístico tan ambicioso utilizando como medio de transporte o ferrocarril”, e engadindo que se trata dunha iniciativa que o Goberno central quere experimentar en Galicia e que responde ademais á estratexia coa que se pretende multiplicar o noso potencial turístico: deseñar unha oferta diversificada a partir de aquilo que nos fai únicos.

 

Entre as iniciativas concretas que recolle o acordo, Alberto Núñez Feijóo puxo en valor a capacidade do bono Rail Pass para “expandir o magnetismo do Camiño ao resto do noso territorio”. Este bono permitirá o uso da rede de trens de Renfe dentro do territorio da Comunidade autónoma. Durante 10 días e por un prezo de 49 euros por adulto e 9 euros por neno poderase utilizar esa rede de trens a xeito de tarifa plana; e, para poder adquirir este bono será preciso acreditar a realización do Camiño de Santiago mediante a exhibición da Compostela, ou ter feito uso dun tren de longo percorrido con destino Galicia ou ter adquirido algún dos billetes dos outros trens turísticos. As sete grandes cidades de Galicia suman a este bono unha oferta de descontos e gratuidade nos museos da súa competencia.

 

Nesa mesma aposta situou os trens turísticos que durante o verán percorrerán a Ruta dos Faros. O Tren dos faros de Galicia circulará entre Ferrol e Ribadeo e viceversa; e, en ambos casos haberá un programa de paradas e visitas turísticas que se realizarán co apoio de microbuses que agardarán aos visitantes nos apeadeiros do tren.

 

Así mesmo, O titular do Goberno galego destacou que o tren turístico de luxo Al-Andalus chegará por primeira vez a Galicia o vindeiro verán a través do Camiño de Santiago, o que demostra “que a Ruta Xacobea é unha ruta viva e que o Ano Santo pode seguir aportando moitas posibilidades de crecemento”.

 

O tren de luxo AL-Andalus chegará á comunidade facendo un percorrido de tres días por territorio galego. As datas serán do día 21 ao 26 de xullo e do 28 de xullo a 2 de agosto. O percorrido será Zaragoza, Miranda de Ebro, Astorga, Ourense, Santiago, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, Vigo e A Coruña.

LIGAZÓNS RELACIONADAS...

Arriba