Galicia contará cun novo centro de Bicicletas Todo Terreo
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, asinou en Ourense o convenio de colaboración entre Turismo de Galicia e a Asociación de Municipios para o Plan de Competitividade Turística das comarcas de Monterrei e Conso Frieiras e os Concellos de Riós, A Gudiña, A Mezquita, Vilariño de Conso e Viana do Bolo para a xestión e promoción do Centro BTT Portas de Galicia.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e mais o Presidente da Asociación de Municipios para o Plan de Competitividade Turística das Comarcas de Monterrei e Conso-Frieiras, Juan Manuel Jiménez Morán, así como os alcaldes e tenentes de alcalde dos concellos de Riós, A Gudiña, A Mezquita, Vilariño de Conso e Viana do Bolo, asinaron un convenio de colaboración para a xestión e promoción do Centro Bicicleta Todo Terreo de Portas de Galicia.
Segundo explicou a directora de Turismo, a formalización deste convenio supón un novo pulo para a dinamización turística destas terras mediante o fomento de actividades de turismo activo. Nava Castro incidiu en que o turismo activo, e concretamente os Centros BTT, abren un mundo de posibilidades que converten ao turista no actor principal da súa propia viaxe, interrelacionándoo co medio no que practica a actividade.
O centro BTT é un produto turístico destinado a promocionar a práctica da bicicleta de montaña. Con eles procúrase un lecer ligado ao contacto co medio rural, non agresivo coa natureza e que permite a súa vez unha práctica deportiva.
O futuro centro BTT Portas de Galicia converterase na segunda instalación na Rede de Centros BTT de Galicia tras a posta en marcha do Centro BTT do Salnés. Estará situado en plena fronteira entre Galicia, Portugal e Castela e León o que permitirá ter un amplo abano de público obxectivo para gozar destas novas instalacións turísticas. O centro contará cun total de 244 km divididos en doce recorridos, os cales permitirán coñecer os municipios de A Gudiña, A Mezquita, Riós, Viana do Bolo e Vilariño de Conso.
Co propósito de deseñar un centro proporcionado en canto a que os servizos de atención ao usuario non queden centralizados nun só punto, así como equilibrar a dimensión das rutas en cada municipio, o centro dividirase en dúas zonas: a zona norte e a zona sur.
- A zona norte estará formada por cinco rutas en total, dúas en Vilariño de Conso e outras dúas no municipio de Viana do Bolo, ademais dunha conexión entre ambos puntos. Esta zona contará ademais cun punto de acollida en Viana do Bolo e un punto de información en Vilariño de Conso.
- Na outra zona, na sur, haberá sete rutas divididas en dous recorridos polo municipio de Riós, unha conexión entre este concello e a aldea de Barxa, dúas rutas en A Mezquita e unha gran ruta en A Gudiña á que se lle suma a conexión que une este municipio con Vilariño de Conso. Ao igual que a zona norte, este área dispón dun punto de acollida, neste caso, na Casa da Viúva de A Gudiña e dous puntos de información en Riós e a Mezquita.
O Centro BTT Portas de Galicia será un gran itinerario con diferentes niveis de dificultade acordes coas exixencias de distintos públicos obxectivos:
- Os afeccionados, como familias ou grupos de amigos, poden gozar dos trazados circulares como son a Ruta Encoro do Vao en Vilariño de Conso ou a Ruta As Telleiras en Viana do Bolo.
- Os mais expertos teñen a posibilidade de poder percorrer unha gran ruta por etapas dende Riós ata Viana do Bolo que suma 130 quilómetros e permite visitar os 5 municipios. Este é un gran percorrido que permite a realización por etapas aloxándose no territorio.
Segundo explicou a directora de Turismo, os usuarios do Centro BTT poderán descubrir a paisaxe, a natureza, a riqueza histórica, gastronómica e enolóxica desta zona de Galicia e degustar o viño da Denominación de Orixe Monterrei ou transitar por algúns dos tramos do Camiño do Sudeste a Santiago.
Mediante este convenio a asociación de municipios asumirá, entre outros cometidos, os traballos de sinalización das diferentes rutas así como o mantemento en bo estado de toda a infraestrutura. Comprométense ademais a habilitar na Casa da Viúva de A Gudiña e na Casa da Cultura de Viana do Bolo as sedes do Centro BTT Portas de Galicia como Puntos de Acollida.