Turismo de Galicia, AGAFE e APCG promocionarán o turismo de negocios na Comunidade galega
A Asociación Galega de Feiras e Eventos e mais a Asociación de Palacios de Congresos de Galicia colaborarán con Turismo de Galicia para desenvolver accións promocionais que incentiven as viaxes de negocios.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez; o presidente da Asociación Galega de Feiras e Eventos, Alejandro Rubín Carballo; e mais o presidente da Asociación de Palacios de Congresos de Galicia, Enrique Pena González asinaron un convenio de colaboración para a promoción do turismo de negocios na comunidade.
O obxecto do acordo é a promoción conxunta de Galicia como destino turístico para os viaxeiros de negocios. En virtude deste acordo, AGAFE levará a cabo unha campaña de promoción a través dun stand permanente en Expourense co obxecto de informar aos profesionais e ao público nacional e internacional e captar novos socios para o sector. De igual xeito levarán adiante actividades formativas coa celebración de cursos para o segmento MICE e un curso de novas tecnoloxías para o desenvolvemento dos produtos e servizos relacionados coas feiras, congresos e eventos.
Deste xeito preténdese atraer empresas promotoras e organizadoras de eventos á comunidade; favorecer a eficiencia na xestión de infraestruturas e empresas organizadoras, así como a calidade do servizo ás empresas e organizacións de clientes. De igual modo, impulsarase un plan de comunicación como instrumento de mercadotecnia ao servizo das empresas e outros usuarios que proxecte unha imaxe moderna e competitiva do destino.
Pola súa banda, a Asociación de Palacios de Congresos de Galicia participará nunha das feiras máis destacadas do sector MICE –Meetings, incentives, conferences and exhibitions- a nivel internacional, a EIBTM de Barcelona que se celebrará do 19 ao 21 de novembro, en calidade de coexpositor no stand de Turespaña. O obxectivo desta acción é acadar a promoción das instalacións dos pazos de congresos como sedes de reunións de empresas e congresos.