27 mar 2014

Turismo de Galicia inicia en Madrid as accións específicas da campaña 2014 coa estrea do set itinerante Galicia de cine que contou xa coa participación de máis de 300 persoas neste primeiro día

Esta acción especial de ‘street marketing’ forma parte da nova campaña de Turismo de Galicia e céntrase en recoller as testemuñas dos cidadáns sobre as súas motivacións e recomendacións para visitar Galicia.
 

Interior do set de rodaxe "Galicia de cine"

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez visitou esta tarde na praza Jacinto Benavente de Madrid o set de Galicia de cine, unha acción especial que forma parte da nova campaña de Turismo de Galicia para este 2014 e que consiste nunha plataforma itinerante que visitará as cidades de Madrid, Barcelona, Sevilla e Santiago de Compostela para recompilar as testemuñas dos cidadáns que queiran participar falando sobre as súas motivacións e reclamos para visitar Galicia. Trátase dunha acción de street marketing que pretende fomentar a interactividade dos viaxeiros co destino.

No día de hoxe arredor de 300 persoas quixeron participar nesta acción promocional Galicia de cine. O set itinerante da rodaxe está formado por dous escenarios: un deles recollerá os motivos polos que os viaxeiros deciden vir a Galicia a través dunha gravación persoal. E o outro escenario, enmarcado dentro da promoción A persoa que máis recomenda Galicia no mundo, ten por obxectivo gravar a aqueles que xa coñecen Galicia e que a recomendan aos seus para compartir a súa experiencia. Estes vídeos poderán ser subidos á rede para participar na promoción online ata o día 15 de maio.

Entre todos os participantes que se acheguen a aportar testemuñas sortearanse viaxes por Galicia, e todos formarán parte do casting no que se elixirá aos protagonistas da próxima campaña de Turismo de Galicia.

O set estará en Barcelona o día 29 de maio, na praza da Universitat; en Sevilla o día 4 de abril, na praza da Encarnación e en Santiago, na praza do Obradoiro, o día 11 de abril.

Campaña 2014
A campaña 2014 de Turismo de Galicia, Galicia, el buen camino, ten un novo eslógan: ‘Á xente que quero, recoméndolle Galicia’/’Si te han recomendado Galicia, es que te quieren’. A mensaxe incide na capacidade dos viaxeiros e dos propios galegos para seren prescritores de opinión do destino. Ao tempo, resalta a condición de multiexperiencial do Galicia como destino turístico e aqueles elementos diferenciais que conforman os principais atractivos da comunidade.

O hastag #Galiciaelbuencamino será o utilizado para as comunicacións online e as recomendacións dos fans de Galicia teñen por obxectivo buscar protagonistas para as seguintes fases da campaña. Estas e outras testemuñas recollidas na internet poderán verse no sitio galicia.es. Alí tamén se articulará a acción promocional ‘Sé a persoa que máis recomenda Galicia do mundo’. Quen o desexe poderá deixara a súa mensaxe lembrando Galicia nesta web así como nas súas redes sociais.

Ao tempo, as contas nas redes sociais de Turismo de Galicia apoiarán e monitorizarán todas as accións da campaña nas redes.
 

Arriba