23 set 2013

Turismo de Galicia e a Asociación Galicia Destino Golf colaboran na organización do ‘I Circuito Galicia Destino Golf’

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez e mais o presidente da Asociación de Empresas de Turismo de Golf ‘Galicia Destino Golf’, Alfonso Ozores Leyún asinaron un acordo para a promoción do turismo de golf na comunidade.

 

A primeira edición do ‘Circuíto Destino Golf’ celebrarase este mes de setembro no Norte de Portugal e contará cun workshop para touroperadores e prensa especializada

Siantura do acordo, en Mondariz Balneario.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, e mais o presidente da Asociación de Empresas de Turismo de Golf ‘Galicia Destino Golf’, Alfonso Ozores Leyún, asinaron en Mondariz un convenio de colaboración cuxo obxecto fundamental é promocionar conxuntamente o destino Galicia como destino turístico, promovendo e comercializando o turismo de golf na comunidade. Destino Golf é unha asociación representativa do sector en Galicia e ten por obxecto a promoción de comercialización do turismo de golf.

 

En virtude deste acordo, ambas entidades colaborarán no desenvolvemento dunha serie de actuacións de promoción mediante a organización do I Circuíto Galicia Destino Golf. Este evento terá lugar no mes de setembro en dous campos de golf situados estratexicamente ao norte de Portugal, xa que o portugués é o turista de golf que está máis próximo a Galicia. Con motivo deste evento, organizarase un encontro de traballo cos touroperadores e xornalistas especializados do país veciño e difundirase a través das redes sociais.

 

O orzamento para a celebración destas accións é de 30.057 euros que se destinarán á organización, loxística, premios, sorteo, material publicitario e promocional e difusión en medios.

 

Segundo explicou a directora de Turismo e Galicia, “o feito de potenciar o turismo de golf na nosa comunidade contribúe á diversificación da oferta turística e á captación de novos segmentos”. E engadiu que “a práctica do golf en Galicia é deporte e saúde, pero tamén é turismo porque permite a práctica dunha experiencia turística saudable”.

 

Ao tempo, Nava Castro destacou que nalgúns casos, a este factor pode engadírselle a oferta termal –que Galicia lidera no conxunto do Estado co 20% das instalacións existentes en España e co maior número de distintivos de Calidade Turística neste segmento-. De igual modo explicou que a combinación do golf coa enogastronomía das diferentes zonas nas que se enclavan os campos de golf galegos supón “un valor engadido para todos aqueles que queiran gozar da práctica deportiva sen descoidar o feito de coñecer os sabores do destino elixido para o deporte”.

 

A directora de Turismo de Galicia comentou tamén que o turismo de golf en Galicia conforma unha oferta de gran valor diferenciador, cunha infraestrutura ampla, de 21 campos de golf para a práctica deportiva. E dixo que, dende Turismo de Galicia se ten apostado polo golf para a súa conversión en recurso turístico da comunidade. Turismo de Galicia puxo en marcha un Plan de Turismo de Golf 2010-13 que pon en valor a oferta golfística de Galicia e que actúa sobre catro categorías: a imaxe e a comunicación; o produto; a comercialización e a promoción.

Arriba