06 abr 2014

O xerente do Xacobeo reúnese en Illinois coa directiva da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago nos Estados Unidos

Rafael Sánchez Bargiela mantivo encontros de traballo con motivo do XVII Encontro Anual de Asocacións de Amigos do Camiño en EEUU tamén con outros responsables de entes asociativos doutros países como Italia, Hungría, Holanda e Inglaterra.


American Pilgrims conta con máis de dous mil socios. Desde Estados Unidos chegaron en todo o ano pasado máis de dez mil peregrinos que recolleron a Compostela en Santiago. Estados Unidos é o 4º país estranxeiro do que procede un maior número de peregrinos
 

O xerente do Xacobeo reúnese en Illinois coa directiva da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago nos Estados Unidos.

O xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo mantivo un encontro de traballo coa directiva da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago nos Estados Unidos, American Pilgrims. A asociación celebrou o seu XVII encontro anual en Belleville-Illinois que reúne esta fin de semana a máis de 150 persoas procedentes de diferentes puntos do país.

No encontro participou o presidente de American Pilgrims, Carlos Mentley, e a vicepresidenta Cheryl L. Grasmoen, a tesoureira, Ann Howley, e a secretaria Annette Argalla. A Asociación americana desenvolve un intenso traballo de promoción do Camiño e existen na actualidade 21 asociacións locais noutras tantas cidades de Estados Unidos.

A asociación realiza tamén traballos relacionados coa formación de hospitaleiros que desenvolven a súa labor en diversos albergues do Camiño de Santiago a través do programa ‘Amigos’ promovido por entidades de amigos do Camiño. No encontro mantido co responsable da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo abríronse novas vías de colaboración entre a entidade dependente de Turismo de Galicia e o ente asociativo americano para colaborar en temas relacionados coa hospitalidade tamén en Galicia e a difusión do Camiño en localidades do país a través da organización de exposicións e accións de cooperación en redes sociais e publicacións.

American Pilgrims é unha das principais entidades de Amigos do Camiño que existen na actualidade, tanto en relación ao seu volume de asociados –máis de 2.000- como no tocante ao volume de actividades que desenvolven para promover e difundir a cultura xacobea. Desde Estados Unidos chegaron 10.125 peregrinos en 2013 e é o 4º país estranxeiro no ranking de procedencia dos peregrinos.

O xerente do Xacobeo convidou formalmente aos responsables da entidade a participar no I Encontro Internacional de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, que se celebrará en maio de 2015 en Compostela e que se enmarca nos actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago.

Ademais de reunirse cos responsables da entidade organizadora do encontro, o xerente do Xacobeo manterá tamén reunións de traballo con responsables de outras entidades asociativas presentes no mesmo e procedentes de Holanda, Inglaterra, Italia e Hungría.

Arriba