05 mai 2014

A publicación francesa especializada en turismo Le Quotidien du Tourisme visita a costa galega

Trátase dunha das revistas on-line con máis influencia entre os viaxeiros franceses.


Darase a coñecer o litoral galego entre A Guarda e Camariñas, dentro das propostas do produto turístico Faros e praias salvaxes.

A revista on-line Le Quotidien du Tourisme visitará Galicia entre os días 5 e 8 de maio, para coñecer a oferta turística da comunidade galega no eido do turismo de costa, dentro dunha viaxe de familiarización organizada por Turismo de Galicia en colaboración coa Oficina de Turismo de España en París.

Le Quotidien du Tourisme é unda das publicacións especializadas con máis influencia entre os viaxeiros franceses e neste caso terá a oportunidade de visitar o litoral galego entre A Guarda e Camariñas, dentro das propostas do produto turístico Faros e praias salvaxes.

As Rías Baixas, a Ría de Muros e Noia e a Costa da Morte son algunhas das zonas que se darán a coñecer nesta viaxe de familiarización.

Programa

O programa comeza hoxe, 5 de maio en Vigo e visitará a costa e as praias de Nigrán, Baiona, Oia e A Guarda.

O martes 6 de maio, desprazarase ata O Morrazo, para continuar pola Ría de Pontevedra ata Sanxenxo e logo O Grove.

Durante esta xornada, o programa inclúe os seguintes lugares: a Costa da Vela, Cabo Home, a Ría de Aldán, Cabo Udra, Bueu, Marín, Bueu, Combarro, Sanxenxo, A Lanzada e o litoral do Grove.

O día 7 de maio, a ribeira norte da Ría de Arousa tomará protagonismo co Parque natural de Corrubedo, e ademais no itinerario recóllese a visita ao Castro de Baroña, a Ría de Muros e Noia, para rematar en Fisterra, pasando por Carnota, Cee e Corcubión.

Para finalizar a estadía en Galicia, o día 8 de maio, o recorrido mantense na Costa da Morte, onde se darán a coñecer outros lugares como a Ría de Lires, a praia de Nemiña, o Cabo Touriñán, Muxía, Camariñas o Cabo Vilán e a costa camariñá ata o Cemiterio dos ingleses.

Arriba