19 xan 2015

Turismo de Galicia celebra unha reunión para impulsar a potenciación do sector turístico na Costa da Morte

O encontro tivo lugar na sede da Xunta de Galicia en A Coruña e contou coa participación da directora de Turismo de Galicia, a delegada territorial da Xunta na cidade, a alcaldesa de Cee, o alcalde de Fisterra e representantes da Asociación Profesional do Sector Turístico da Costa da Morte.

Nos once primeiros meses do ano 2014 a Costa da Morte foi o destino con mellor comportamento da demanda hoteleira de toda Galicia pois rexistrou os crecementos de maior intensidade tanto en termos globais –viaxeiros e pernoitas- coma en cada un dos segmentos de mercado –nacional e internacional-.

Durante dito período, a Costa da Morte foi o segundo destino de Galicia con maior peso do turismo internacional, este segmento representou o 34% do total dos viaxeiros aloxados.

Xuntanza para a promoción turística da Costa da Morte.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto coa delegada territorial da Xunta en A Coruña, Belén Do Campo, reuniuse  coa alcaldesa de Cee, o alcalde de Fisterra e representantes da Asociación Profesional do Sector Turístico da Costa da Morte (APTCM) na sede da Xunta de Galicia no concello coruñés, para abordar asuntos relacionados coa promoción do destino Costa da Morte e a coordinación no seu desenvolvemento turístico.

O motivo da reunión foi intercambiar información para avanzar conxuntamente na potenciación do destino turístico Costa da Morte e mellorar a competitividade da súa oferta turística.

Durante a reunión abordouse tamén a posibilidade da posta en marcha nas próximas semanas dun xeodestino cunha oferta integrada impulsada conxuntamente co fin de aproveitar sinerxías e convertelo nun destino competitivo.

Así mesmo, os representantes da Asociación Profesional do Sector Turístico da Costa da Morte trasladaron á directora de Turismo de Galicia o seu interese pola posta en marcha de plans de formación que abarquen temáticas como a aplicación das TIC ao turismo ou cursos de inglés ou atención ao cliente para a hostalería.

Ademais os presentes falaron sobre os espectaculares datos rexistrados no pasado ano 2014 na Costa da Morte o que supuxo que fose o destino de mellor comportamento da demanda hoteleira de toda Galicia pois rexistrou os crecementos de maior intensidade tanto en termos globais –viaxeiros e pernoitas- coma en cada un dos segmentos de mercado –nacional e internacional-.

Forte crecemento na demanda turística da Costa da Morte
Nos once primeiros meses do ano 2014 a cifra de viaxeiros nos establecementos hoteleiros do destino Costa da Morte incrementouse nun 47%, con preto de 150.000 viaxeiros. Subiu tamén durante este período de tempo o volume de pernoitas en máis do 71%, acadando a cifra das 253.000.

Este forte crecemento tivo un carácter homoxéneo tanto no turismo nacional coma no internacional mellorando ambos os volumes de demanda en relación ao pasado ano en porcentaxes do entorno do 70%.

Segundo destino de Galicia con maior peso do turismo internacional
O 66% da demanda hoteleira correspondeu ao turismo nacional mentres que o 34% restante foi internacional. Así pois, unha de cada tres pernoitas hoteleiras correspondeu a un viaxeiro estranxeiro, proporción elevada que soamente se observa en termos similares na cidade de Santiago de Compostela. Deste xeito, a Costa da Morte é, despois de Santiago, o destino de Galicia con maior peso do turismo internacional dentro da estrutura da demanda.

Como consecuencia desta boa dinámica rexistrouse tamén unha importante mellora dos niveis de ocupación no sector, de case dez puntos porcentuais.

Forte aposta de Turismo de Galicia
Estes datos son posibles grazas ás numerosas actuacións promovidas por Turismo de Galicia co obxectivo de potenciar e promocionar a ampla oferta turística que ofrece a Costa da Morte. A creación do Bono Iacobus e a potenciación do turismo activo, as actividades náuticas-deportivas, o turismo mariñeiro, a gastronomía e o patrimonio natural e cultural a través de diferentes accións de promoción como son os presstrip ou famtrip como o realizado para axentes da revista francesa on-line Le Quotidien du Tourisme; a presenza en feiras ou a súa difusión por medio das redes sociais son algunhas das actuacións que se levan realizando durante os últimos anos.

Así mesmo, a isto hai que engadir a colaboración de Turismo de Galicia coas administracións locais e o sector privado a través das ordes de axudas para potenciar o sector turístico conxuntamente.

Arriba