16 mar 2015

Nava Castro resalta o potencial do Fórum Gastronómico como escaparate mundial da magnífica gastronomía de Galicia

A directora de Turismo de Galicia participou no acto de inauguración do Fórum Gastronómico, que se celebra en ExpoCoruña ata o próximo martes.

Nava Castro destacou que a gastronomía é un dos reclamos fundamentais do noso destino, xa que constitúe a segunda motivación, despois da natureza, pola que os turistas elixen Galicia como destino.

Así mesmo, sinalou que a Administración Turística galega traballa para poñer en marcha iniciativas para conservar a nosa tradición culinaria, poñela en valor, difundila e internacionalizala.

Presentación do Forum gastronómico na Coruña.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, interviu no acto de inauguración do Fórum Gastronómico 2015 que se celebra en Expocoruña ata hoxe. O acto contou tamén coa presenza do alcalde da Coruña, Carlos Negreira; do presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo; dos directores do Fórum, Jaume Von Arend e Pep Palau; e do responsable de Trade Marketing de Hijos de Rivera-Estrella Galicia, Manel Pérez Piñón.

Durante a súa intervención, a directora de Turismo de Galicia recalcou a gran calidade do evento así como a gran oportunidade que supón para a cidade da Coruña e mais para o conxunto de Galicia este evento porque, segundo afirmou, “outorga a posibilidade de proxectar ao escaparate mundial a magnífica gastronomía de Galicia”. Así mesmo, Nava Catro felicitou as institucións e firmas participantes do Fórum Gastronómico que “converteron este evento nunha referencia nacional e internacional”.

A directora de Turismo resaltou que Galicia conta con máis de 5.300 establecementos de restauración que poñen a disposición dos galegos e dos visitantes máis de 365 mil prazas nas que degustar os “exquisitos pratos que compartimos cos viaxeiros co carácter acolledor e hospitalario que nos caracteriza”.

Tamén incidiu en que a gastronomía é un dos reclamos fundamentais do noso destino. “A gastronomía é a segunda motivación, despois da natureza, pola que os turistas elixen Galicia como destino dos seus días de asueto”, explicou Nava Castro.

A directora de Turismo sinalou que os establecementos de restauración en Galicia exaltan a nosa cociña do día a día e destacou o papel das festas de exaltación gastronómica á hora de conservar o noso patrimonio culinario.

Así mesmo, lembrou que a comunidade conta con 59 restaurantes distinguidos coa Q de Calidade Turística, 12 con Estrela Michelin e 26 restaurantes atesouran 37 Soles Repsol.

Potenciación de Galicia como destino enogastronómico
Nava Castro destacou que o feito de celebrar iniciativas que divulguen a nosa potencialidade gastronómica e que nos sitúen na vangarda da oferta culinaria repercute positivamente na nosa percepción como destino diferencial e completo.

Neste senso, sinalou que a Administración Turística galega traballa para poñer en marcha iniciativas para conservar a nosa tradición culinaria, poñela en valor, difundila e internacionalizala.

Así, mencionou as Xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños de Galicia que promoven o turismo nas zonas de produción das 5 Denominacións de Orixe vitivinícolas galegas, o Outono Gastronómico que combina o turismo rural coa gastronomía, o impulso ao Salón Internacional de Gastronomía e Turismo ou De Tapas por Galicia como algunhas das iniciativas postas en marcha por Turismo de Galicia orientadas a potenciar a nosa imaxe de destino enogastronómico.

Máis dunha ducia de actividades
A responsable de Turismo da Xunta afirmou que o Fórum Gastronómico constitúe o mellor escenario para a promoción dos nosos produtos do mar e a terra, “esencia e materia prima das excelencias das que serán testemuñas os participantes neste Salón”.

Máis dunha ducia de actividades maridarán durante estes días os mellores sabores do mar e da terra cos nosos viños máis prezados das cinco denominacións de orixe protexidas.

Así, máis dunha vintena de firmas darán a coñecer os seus produtos aos miles de profesionais e visitantes que se achegarán ata este recinto dende hoxe e ata o próximo martes. “Unha pequena mostra do moito e bo que atesoura Galicia”, concluíu Nava Castro.

Arriba