18 mar 2015

Turismo de Galicia impulsa a accesibilidade no medio rural cunha liña de subvencións de preto de 1,5 millóns de euros

O obxectivo é dotar o medio rural de Galicia das infraestruturas e sinalización adecuadas para que sexa un recurso turístico accesible para todos.

Nava Castro destaca que esta nova liña de axudas constitúe un paso máis nun dos obxectivos do Plan Integral de Turismo e da aposta da Xunta por consolidar a nosa Comunidade como un destino accesible.

Así mesmo destacou tamén a apertura no día de hoxe da convocatoria da liña de financiamento para a reparación dos danos causados polos temporais na fachada atlántica e na costa cantábrica.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou a liña de subvencións por un importe de preto de 1,5 millóns de euros para o fomento da accesibilidade e sinalización nos recursos turísticos do medio rural galego.

Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, o obxectivo é dotar o medio rural de Galicia das infraestruturas e sinalización adecuadas para que sexa un recurso turístico accesible para todos.

Nava Castro destacou que entre os principais obxectivos de Turismo de Galicia encóntrase o desenvolvemento do turismo na nosa comunidade de acordo cos principios de calidade, accesibilidade e sustentabilidade. Así mesmo, sinalou que o turismo constitúe un sector fundamental no desenvolvemento de moitas zonas rurais xa que crea emprego e aumenta a súa atracción global.

A responsable de Turismo da Xunta afirmou que a nosa Comunidade atesoura case 600 establecementos de Turismo Rural que ofrecen máis de de 7.300 prazas. “Deles, 50 contan coa Q de Calidade Turística, sendo a nosa comunidade líder en certificacións nesta tipoloxía de aloxamentos”, explicou.

A directora de Turismo de Galicia referiuse tamén ao incremento da demanda rexistrada polo turismo rural da comunidade galega o pasado ano que superou nun 18,5% a súa cifra de viaxeiros aloxados e nun 16,3% as súas pernoitas. Así mesmo, destacou que o turismo internacional marcou no pasado ano máximos históricos no turismo rural, tanto de demanda, mellorando as súas cifras nun 35%, como de peso, pois o mercado internacional representou o 18,4% do total.

Segundo explicou Nava Castro esta mellora dos niveis de demanda turística no turismo rural continua neste ano, xa que no pasado mes de xaneiro os establecementos de turismo rural de Galicia rexistraron unha suba do 15%. Neste senso, a directora de Turismo de Galicia afirmou que estas cifras amosan que o medio rural constitúe na actualidade un gran atractivo turístico para a nosa comunidade e por isto temos o compromiso de traballar no seu impulso e potenciación”.

Nava Castro destacou que esta nova liña de axudas impulsará a mellora da accesibilidade física e a sinalización de recursos turísticos do medio rural coma os espazos naturais, miradoiros e rotas de sendeirismo, praias marítimas e fluviais e Bens de Interese Cultural.

Así grazas a estas axudas todos os concellos do medio rural galego, é dicir todos os concellos de Galicia exceptuando aqueles incluídos nos perímetros urbanos -Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Coruña e Vigo- poderán levar a cabo a construción, ampliación ou mellora de aparcamentos para o acceso aos recursos turísticos, a pavimentación dos accesos ao recurso, pasarelas, ramplas e eliminación de barreiras arquitectónicas, a construción, rehabilitación ou mellora das instalacións que contribúan a mellorar os accesos e circulación dos visitantes e a dotación de equipamentos das referidas instalacións, a rehabilitación ou mellora da accesibilidade dos espazos naturais e a dotación de equipamentos nestes, así como a sinalización, información visual e información táctil.

Deste xeito, estas subvencións cubrirán os gastos correspondentes á posta en disposición de TICs nos recursos turísticos principalmente dirixida a accesibilidade visual e auditiva, á construción, adquisicións ou mellora de inmobles que contribúan aos obxectivos establecidos, aos equipamentos e material non funxible para acondicionamento dos recursos, á adquisición de maquinaria e equipos necesarios para a implementación da actuación, incluídas as aplicacións informáticas, e aos custos xerais asociados aos investimentos que se efectúen, tales como honorarios de redacción de proxectos, enxeñeiros e asesores así como estudos de viabilidade.

A directora de Turismo de Galicia concluíu afirmando que “con esta iniciativa contribuiremos a facer de Galicia un destino turístico accesible para todos e potenciar o medio rural continuando incrementando así as súas cifras de demanda”.

Plan Integral de Turismo de Galicia
Esta liña de axudas constitúe un paso máis nun dos obxectivos do Plan Integral de Turismo e da aposta da Xunta por consolidar a nosa comunidade como un destino accesible.

Nesta liña, compre destacar que no primeiro ano de execución do Plan Integral leváronse xa a cabo numerosas accións enmarcadas nesta aposta pola accesibilidade como a elaboración do Plan Director do Camiño de Santiago e o programa Smart Camiño, a edición da guía de aloxamentos turísticos accesibles de Galicia 2014, o material de accesibilidade das praias das Rías Baixas, ou a implantación na oficina de turismo da Xunta de Galicia en Vigo do primeiro sistema de vídeo-interpretación en Linguaxe de Signos (BILDTEC), entre outras moitas iniciativas.

Liña de financiamento para a reparación dos danos causados polos temporais
A responsable de Turismo da Xunta destacou tamén durante a rolda de prensa a apertura no día de hoxe da convocatoria da liña de financiamento con cargo ao Fondo Financeiro do Estado para a reparación dos danos causados polos temporais de vento e mar na fachada atlántica e na costa cantábrica.

Segundo explicou Nava Catsro, esta liña de préstamos, dirixida a administracións locais, consorcios e empresas turísticas privadas, ten a finalidade de financiar as obras de reparación das infraestruturas turísticas municipais e establecementos turísticos privados que quedaran afectados polos fortes temporais que sacudiron Galicia o pasado ano.

Arriba