23 abr 2015

Xornalistas chineses visitaron Galicia para coñecer a súa oferta turística e diversas empresas do sector pesqueiro e vitivinícola

Os xornalistas procedentes da provincia chinesa de Cantón visitaron as Rías Baixas e varias empresas de produtos relacionados co mar así como unha adega da Denominación de Orixe Protexida Rías Baixas.

Así mesmo, un xornalista procedente de Alemaña realizou un percorrido en bicicleta polo Camiño do Norte na Mariña Luguesa e visitoua cidade de Santiago de Compostela, nunha viaxe organizada tamén por Turismo de Galicia.

Turismo de Galicia continúa a promover así a oferta turística da comunidade galega no ámbito internacional.

Turismo de Galicia continúa a promover a oferta turística da comunidade galega no ámbito internacional, neste caso coa organización de dúas viaxes de familiarización nas que participaron dous xornalistas chineses e outro procedente de Alemaña.

Na primeira destas viaxes, organizada en colaboración coa Oficina de Turismo de España en Guangzhou e o Instituto Español de Comercio Exterior, ICEX, dous xornalistas procedentes da provincia chinesa de Cantón, visitaron as Rías Baixas e varias empresas de produtos relacionados co mar así como unha adega da Denominación de Orixe Protexida Rías Baixas.

Así mesmo, na súa estadía na comunidade galega, os xornalistas chineses visitaron no día de hoxe a empresa produtora de algas Portomuiños e achegáronse a Vilagarcía de Arousa e a adega Pazo de Señoráns.

Ademais, visitaron a sede do Consello Regulador do Mexillón de Galicia e desprazáronse ata Cambados para visitar unha fábrica de conservas.

Por último, estes xornalistas asiáticos fixeron unha completa visita ao porto de Vigo.

Reportaxe na revista Ecos de España
Pola súa parte, o xornalista procedente de Alemaña Juan Ramón García, realizou un percorrido en bicicleta polo Camiño do Norte na Mariña Luguesa. Ademais visitou a cidade de Santiago de Compostela, nunha viaxe organizada tamén por Turismo de Galicia.

Deste xeito, este xornalista alemán realizou as etapas do Camiño do Norte comprendidas entre Ribadeo e Mondoñedo, Mondoñedo-Vilalba e Arzúa-Santiago de Compostela.

Juan Ramón García contará a súa experiencia en Galicia nunha reportaxe na revista Ecos de España que se edita en Alemaña para os alemáns interesados na cultura e a lingua españolas.

Arriba