11 xan 2016

Turismo de Galicia e as asociacións de turismo rural asinan un convenio para a potenciación da central de reservas

O convenio foi asinado esta mañá pola directora de Turismo de Galicia e representantes da Federación Galega de Turismo Rural (FEGATUR) e das Asociacións Agatur, Agarimo e Pazos de Galicia

O acordo permitirá potenciar a ferramenta e adaptala ás necesidades do sector sen reducir a súa universalidade, xa que continuará á disposición de todos os aloxamentos de turismo rural

Nava Castro resaltou que o convenio constitúe unha acción máis na aposta de Turismo de Galicia pola colaboración público- privada e supón un empuxe fundamental para o turismo rural

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asinou esta mañá un convenio de colaboración cos presidentes da Federación Galega de Turismo Rural (FEGATUR) e das Asociacións Agatur, Agarimo e Pazos de Galicia.

O obxectivo do convenio é dar continuidade ao servizo de reservas de aloxamentos de turismo rural de Galicia durante o ano 2016 dunha maneira máis competitiva.

Así, grazas ao acordo asinado no día de hoxe, a coordinación e funcionamento do sistema de reservas de aloxamentos de turismo rural que viña xestionando Turismo de Galicia recaerá nas catro asociacións que neste momento agrupan os aloxamentos de turismo rural en Galicia.

Durante a rolda de prensa, a directora de Turismo de Galicia destacou que o turismo constitúe un sector fundamental no desenvolvemento de moitas zonas rurais xa que crea emprego e aumenta a súa atracción global.

Nava Castro explicou que o turismo rural constitúe unha das grandes fortalezas da nosa comunidade como destino ao contar con máis de 600 establecementos de Turismo Rural que superan as 7 mil prazas, dos cales, 50, contan coa certificación da Q de Calidade. Estas cifras converten a nosa comunidade na rexión con máis establecementos desta tipoloxía certificados a nivel estatal, atesourando o 49% do total de España.

A responsable de Turismo da Xunta afirmou que desde o departamento que dirixe se aposta firmemente polo turismo rural fomentando o seu desenvolvemento e impulsando a súa promoción. “Esta aposta está plasmada no noso Plan Integral, o cal dedica unha das súas liñas de accións ao fortalecemento, complementariedade e promoción da oferta de turismo rural vinculado á natureza e á cultura”, engadiu.

Nava Castro resaltou que o convenio hoxe asinado constitúe unha acción máis na aposta de Turismo de Galicia pola colaboración público- privada e supón un empurrón fundamental para o turismo rural. “O convenio permitirá potenciar a ferramenta e adaptala ás necesidades do sector sen reducir a súa universalidade, xa que continuará á disposición de todos os aloxamentos de turismo rural, sexan ou non membros dalgunha das asociacións”, sinalou.

Pola súa parte, os representantes das asociacións agradeceron esta iniciativa da Xunta de Galicia que definiron como un importante avance, e destacaron que, grazas a iniciativas como esta, a nosa comunidade estase a consolidar como un destino rural de referencia.

Máximos históricos
Por outra parte, a directora de Turismo de Galicia destacou que o turismo rural está rexistrar cifras históricas en Galicia.

Nava Castro afirmou que, segundo os últimos datos do INE, o pasado ano a nosa comunidade superou nun 21,6% a cifra de viaxeiros aloxados nos seus establecementos de turismo rural e nun 16,2% o nivel de pernoitas do mesmo período do 2014.

“Grazas a estes incrementos, este segmento acadou, así, en 2015, un máximo histórico de volume de viaxeiros aloxados nun ano non Xacobeo con máis de 181 mil”, destacou.

Arriba