30 xan 2017

O destino Galicia presentouse en Irlanda a través da feira Holiday World Show

O Camiño de Santiago, a enogastronomía e o recursos naturais son os produtos máis demandados polo público deste país

 

Ao longo do ano pasado, 46.145 visitantes irlandeses aloxáronse nos establecementos hoteleiros da Comunidade galega, un 6,8% máis que en 2015

No que se refire ao Camiño de Santiago, no 2016 Irlanda foi o sétimo país que máis peregrinos achegou, cun total de 6.542, un 18% máis que en 2015

A oferta turística da Comunidade Galega estivo presente na feira Holiday World Show, a principal cita turística do ano en Irlanda.

Turismo de Galicia participou neste encontro comercial co fin de promover os recursos, produtos e servizos turísticos da Comunidade galega neste mercado emisor que cada ano é máis importante para o turismo galego.

Así, a afinidade cultural que o público irlandés atopa en Galicia, así como o crecente interese polo Camiño de Santiago, a natureza e a enogastronomía, fan desta feira unha plataforma moi axeitada para divulgar os valores turísticos galegos neste mercado.

Mercado irlandés

Polo que respecta á demanda turística no ano 2016, foron 46.145 os irlandeses que se aloxaron nos establecementos hoteleiros galegos, un 6,8% máis que en 2015.

Así mesmo, as pernoitas do mercado irlandés creceron un 8,7%, neste caso, ata situarse nas 63.481 en 2016.

Canto ao Camiño de Santiago, o pasado ano, un total de 6.542 peregrinos irlandeses realizaron a Ruta Xacobea, un 18% máis que en 2015. Deste xeito, o pasado ano, Irlanda foi o sétimo país que máis peregrinos achegou.

Arriba