21 nov 2016

A directora de Promoción de Turismo de Galicia participou no VII Congreso Galego de Medio Ambiente e Saúde

No seu relatorio, Carmen Pita expuxo a xestión sostible que se está a desenvolver no sector turístico galego

Sinalou que un dos grandes retos abordados no Plan Integral de Turismo de Galicia é converter a nosa comunidade nun modelo europeo de turismo sostible

Destacou a creación de diferentes produtos acordes co equilibrio entre a protección e o desenvolvemento social, económico e medioambiental como a Ruta da Camelia, os Cruceiros Costeiros ou a Ruta da Lamprea, entre outros

A directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, participou hoxe no VII Congreso Galego de Medio Ambiente e Saúde, que tivo lugar en Caldas de Rei.

No seu relatorio, que versou sobre a xestión sostible que se está a desenvolver no sector turístico galego, Carmen Pita, explicou que o desenvolvemento turístico sostible depende de tres piares fundamentais, o social, o económico e o ambiental, e sinalou que para que un destino sexa completamente sostible todos os axentes interrelacionados con teñen que traballar nunha mesa dirección.

Neste senso, a directora de Promoción de Turismo de Galicia sinalou que un dos grandes retos abordados no Plan Integral de Turismo de Galicia é converter a nosa comunidade nun modelo europeo de turismo sostible o que, segundo afirmou, implica traballar na protección, conservación e posta en valor dos recursos endóxenos de Galicia, sen que perdan a súa esencia e valores de sustentabilidade ambiental e social.

Así mesmo, incidiu na importancia de que as empresas e profesionais do sector sexan coherentes con este modelo de protección dos recursos facendo un uso racional dos recursos produtivos vinculados ao negocio, e traballando para acadar un compromiso de responsabilidade empresarial no ámbito social, ambiental e económico.

A directora de Promoción de Turismo de Galicia resaltou que a sustentabilidade é un elemento transversal que debe integrarse en todas as políticas turísticas que se desenvolvan no territorio. Nesta liña, explicou que desde a Xunta impúlsase a creación de diferentes produtos acordes co equilibrio entre a protección e o desenvolvemento social, económico e medioambiental como o programa de turismo ornitolóxico Galicia Birding, a Ruta da Lamprea, os Cruceiros Costeiros ou a Ruta da Camelia, entre outros.

Arriba