20 dec 2016

A Cátedra do Camiño de Santiago fomentará a investigación, a docencia e a difusión xacobea

Turismo de Galicia achega 40.000 euros para a posta en funcionamento da Cátedra, ademais dos investimentos xa efectuados para dotala dunha sede

Cúmprese unha demanda histórica da Ruta Xacobea e un dos obxectivos do Plan director do Camiño de Santiago

A Ruta Xacobea é o produto estrela da Comunidade, con máis de 277.500 peregrinos no que vai de ano

 

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, subliñou que a creación da Cátedra Institucional do Camiño de Santiago e as Peregrinacións permitirá avanzar no coñecemento e estudo da Ruta Xacobea, “clave no desenvolvemento económico e social de Galicia”, e será esencial para conseguir unha oferta turística de maior calidade. A directora fixo estas declaracións con motivo do acto de sinatura do convenio de colaboración para o desenvolvemento da devandita Cátedra que contou coa participación do reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Manuel Viaño, e o deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez.

Nava Castro detallou que, tal e como se reflicte no convenio asinado, Turismo de Galicia achegará 40.000 euros para apoiar a posta en funcionamento desta Cátedra, ademais dos investimentos xa realizados no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino de Carretas, que é onde se instalará a sede da mesma.

A directora de Turismo explicou que o Camiño de Santiago é o produto turístico estrela de Galicia e que neste 2016 xa foron máis de 277.500 peregrinos os que chegaron a Compostela, un 6% máis que no mesmo período do ano pasado e superando xa as cifras do último Xacobeo. Por iso, segundo a directora, esta Cátedra reviste especial importancia xa que fomentará a investigación, a docencia e a difusión do Camiño e a peregrinación.

Neste sentido, Nava Castro puxo en valor a aposta que mantén Turismo de Galicia polas iniciativas que, como esta Cátedra, redundan na formación de alto nivel para a dirección e planificación de actividades, empresas e entidades turísticas e a formación de expertos que orienten a súa carreira profesional ao ámbito da investigación do Camiño de Santiago. Deste xeito, segundo afirmou a directora, “Galicia será un destino aínda máis competitivo”.

Así mesmo, Nava Castro enxalzou que a creación desta Cátedra dá resposta a unha demanda histórica da propia ruta e que tamén é un dos obxectivos do Plan director do Camiño de Santiago.

Actividades da Cátedra


A Cátedra Institucional do Camiño de Santiago e as Peregrinacións promoverá a difusión dos valores asociados coa peregrinación e o fenómeno xacobeo mediante a realización de cursos, seminarios, conferencias e actividades académicas. Do mesmo xeito, fomentará a promoción e organización daquelas iniciativas que contribúan a facilitar a reflexión e o debate cultural e académico no ámbito do Camiño de Santiago co fin de acadar o seu mutuo enriquecemento intelectual e a mellora da súa formación cultural e universitaria.

A Cátedra tamén impulsará a colaboración con profesores e departamentos universitarios en todo o que favoreza a formación integral dos alumnos e promoverá a investigación no campo do Camiño de Santiago e a peregrinación a Compostela favorecendo a difusión e o coñecemento das investigacións realizadas mediante publicacións e outras accións de comunicación.

Outro aspecto salientable é que con esta Cátedra crearase e manterase un fondo bibliográfico e documental sobre as materias específicas do Camiño de Santiago e disciplinas relacionadas, ao tempo que axudará á inserción profesional dos estudantes universitarios procurando, así, que a cultura xacobea se vincule cada vez máis estreitamente coa formación das promocións universitarias.

Arriba